A pandemia fixo aumentar os casos de trastornos da alimentación e condutas autolesivas en adolescentes

os trastornos psiquiátricos máis frecuentes na infancia son os de conduta ou ansiedade e o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/12/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Profesionais detectaron un aumento de casos de trastornos de alimentación, ansiedade e condutas autolesivas en adolescentes desde o comezo da pandemia da covid-19, así como de problemas de comportamento.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o psiquiatra infanto-xuvenil José Mazaira explicou que os estudos epidemiolóxicos na poboación xeral "mostran que ao redor dun 15% ou 20% dos nenos e adolescentes cumpren criterios diagnósticos de polo menos algún trastorno psiquiátrico", con "diferenzas moderadas" entre distintos países.

En concreto, detallou que os trastornos psiquiátricos máis frecuentes na infancia son os de conduta ou ansiedade e o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Tamén apuntou que a persistencia dos trastornos de conduta e ansiedade na adolescencia "é alta", aínda que nesta etapa da vida orixínanse outros como o consumo de sustancias, o uso compulsivo de Internet, as condutas autolesivas e algúns trastornos da alimentación. Pola súa gravidade, destacou os casos de psicoses ou suicidios.

Este facultativo da Unidade de Saúde Mental do Complexo Universitario Hospitalario de Santiago (CHUS) tamén indicou que os estudos epidemiolóxicos suxiren un posible aumento de problemas de conduta, delincuencia e abusos de sustancias, casos de depresión e trastornos de alimentación "nas últimas décadas".

Así, sinalou que, tradicionalmente, "só unha minoría dos nenos e mozos afectados por algún trastorno psiquiátrico recibían atención en servizos especializados". Con todo, resaltou que "nos últimos anos" observouse "un progresivo e acusado incremento nas solicitudes de asistencia por trastornos mentais e do comportamento en nenos e adolescentes", apreciable en "todas as unidades de saúde mental infanto-xuvenís da comunidade autónoma".

AUMENTO DE TRASTORNOS TRAS A PANDEMIA

Precisamente, o doutor Mazaira alertou de que "este fenómeno aumentou máis por mor da pandemia", ao detectarse "un aumento na frecuencia de varios trastornos", como os de alimentación, os problemas de conduta, a ansiedade e as condutas autolesivas". De feito, destacou que a actividade de consultas da Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil do CHUS "incrementouse nun 70% no últimos tres anos".

Aínda que apuntou a diversos factores como responsables do aumento deses trastornos entre os adolescentes por mor da pandemia, concluíu que "a importante afectación das interaccións e relacións sociais" polo confinamento foi unha das causas máis relevantes. Do mesmo xeito, considerou que o uso "excesivo" de Internet podería levar "un efecto pernicioso" coa visualización de canles relacionadas con trastornos de alimentación, aínda que tamén "un efecto amortiguador das carencias nas relacións pola situación".

De face ao futuro, previu que a pandemia manteña efectos negativos similares sobre esta poboación "en ausencia de medidas adicionais que poidan mitigalos nas súas relacións sociais". En canto ao período de confinamento, a psicóloga clínica Melania Beceiro explicou que, a pesar dos problemas que xerou, algúns estudantes víronse beneficiados "ao quitarse a presión da escola". No entanto, concluíu que a desescalada supuxo "un factor de tensión" ante o que os nenos "ven afectados de forma máis sensible".

Do mesmo xeito que o doutor Mazaira, esta psicóloga observou un incremento nos trastornos de alimentación e condutas autolesivas en menores desde o inicio da crise sanitaria. "Nenos que antes non tiñan problemas de saúde mental agora teñen problemas de ansiedade ou afectivos que as familias poden xestionar", concretou Beceiro, que destacou o aumento do nivel de ansiedade. "O que antes se podía xestionar agora chega a un nivel clínico", alertou.

RECURSOS

Neste contexto, adxudicouse a redacción do proxecto básico e de dirección da nova Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, a segunda de Galicia. Unha vez que se realicen a redacción e a aprobación do proxecto básico, disporase doutro mes para levar a cabo o de execución.

A este respecto, o doutor Mazaira concluíu que a nova unidade resulta "necesaria para unha correcta asistencia" aos 300.000 nenos e mozos aos que atende a do CHUS, que ve "escasa" ante "o importante incremento nalgunhas das patoloxías que lles afectan".

A estes efectos, considerou "unha gran noticia en beneficio da asistencia a nenos e mozos con problemas de saúde mental" o proxecto para a implementación de hospitais de día infanto-xuvenís en todas as áreas sanitarias da Comunidade galega.

A psicóloga clínica Melania Beceiro sinalou que, en xeral, "os recursos son escasos" e incidiu na importancia de incrementalos. Así, explicou que "a psicoterapia require de tempo e de que haxa pouco espazo entre as sesións". "E para iso necesitamos que haxa xente traballando", reivindicou, á vez que demandou dispositivos hospitalarios ou ambulatorios e espazos para tratar a nenos e adolescentes.

De feito, apostou por potenciar o traballo en equipo por parte de enfermeiras, psicólogas e pediatras e por crear unha rede de apoio que facilite o traballo con menores. En todo caso, insistiu en que esta atención debe realizarse "non só desde a perspectiva sanitaria, senón tamén comunitaria", con "axudas a familias". Adicionalmente, subliñou a importancia da asistencia a este colectivo, xa que "a metade dos problemas de saúde mental que poden ter os adultos poden iniciarse antes dos 15 anos".

DETECCIÓN

Nesta liña, o psicólogo David del Castillo explicou a Europa Press que a maior parte das patoloxías desta índole xorden "entre a infancia e adolescencia", polo que é "moi necesario detectalas canto antes para iniciar as intervencións oportunas", que "melloran o prognóstico". No entanto, apuntou que, ante dificultades para establecer un diagnóstico claro, "é importantísimo traballar os síntomas e coñecer a súa orixe".

Tamén ve "moi necesarias" unidades específicas para problemas de saúde mental na poboación infanto-xuvenil que conten con "distintos perfís profesionais". En todo caso, reivindicou que estas necesidades "non son novas", polo que chamou a concienciar sobre a importancia da saúde mental e "a prevención e a intervención temperá" como claves para abordala.

Adicionalmente, este psicólogo exerce como coordinador do Programa de Intervención Precoz en Psicose da Asociación DOA Saúde Mental, que apoia o Sergas e que está dirixido a persoas de 16 a 25 anos que sufriron un primeiro episodio psicótico ou que están nos 5 primeiros anos tras o diagnóstico de psicose.

David del Castillo precisou que, tras recibir unha demanda de atención, realízase unha entrevista de acceso para a admisión ao programa. Despois, desenvólvense un período de adaptación, unha fase de intervención cun proxecto individualizado de atención precoz e un seguimento posterior ao alta.

Deste xeito, David del Castillo indicou que se persegue "a rehabilitación integral da persoa a través de intervención psicolóxica e neuropsicolóxica, terapia canina, habilidades da vida diaria, lecer e tempo libre", entre outros, e "desde un modelo centrado na persoa e unha perspectiva comunitaria".

Unha adolescente en confinamento por Covid
Unha adolescente en confinamento por Covid | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta