Volve Manuel Fraga Iribarne convertido na figura central dun novo espectáculo teatral

ButacaZero prepara un novo espectáculo sobre a figura do ex presidente da Xunta. A obra estrearase no 2023, após unha fase de investigación a través de entrevistas que se desenvolverá durante 2022.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/01/2022 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Iribarne é o título da peza de teatro político que Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, directores da plataforma creativa galega ButacaZero, estrearán no 2023 sobre a figura de Manuel Fraga Iribarne, após unha fase de investigación a través de entrevistas que se desenvolverá ao longo do 2022, ano no que se celebra o centenario do nacemento do político galego e os dez anos do seu pasamento.

Iribarne é un proxecto de investigación escénica arredor da figura de Fraga, cunha fase inicial que se formula como unha serie de entrevistas nas que a entrevistadora e cada entrevistado ou entrevistada conversarán sobre a importancia do político galego e do seu legado. ButacaZero abrirá este proceso de creación do espectáculo ao público ao longo deste 2022 a través das súas redes sociais, cunha serie de improvisacións teatrais que beben da investigación escénica, compartindo, ao tempo, as entrevistas que se realizarán con relevantes figuras do panorama social e político español.

BIOPIC

Manuel Fraga na praia de Pombais (Almería). EUROPA PRESS - Arquivo
Manuel Fraga na praia de Pombais (Almería). EUROPA PRESS - Arquivo

Iribarne non será un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. O espectáculo parte dunha investigación sobre a súa vida e o seu percorrido político para chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas. A obra está prevista cunha enerxía desbordante, un espírito irreverente e moita ironía -marca da compañía-, con referentes como Ubú rey, de Alfred Harry, ou La imaginación del futuro, do colectivo teatral chileno La Re-sentida.

"Iribarne nace da necesidade de descubrir que implicacións ten no noso presente un dos políticos máis populares e interesantes da nosa pre-Transición", indica a compañía nun comunicado. A piques de celebrar o centenario do seu nacemento e o décimo aniversario do seu pasamento, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira queren facer balance dunha personalidade “particularísima e popularísima” que, en palabras do tándem artístico, “puido ter sucedido a outro galego, Francisco Fraco, pero tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas’. Porén, temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores... Ou o mesmísimo PP”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta