O PP reafirma o seu rexeitamento á reforma laboral e avisa de que non son os "substitutos" dos seus "socios"

Olano afea ao Goberno de Sánchez que non a tramite como proxecto de lei.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O vicesecretario de participación do PP, Jaime de Olano, reafirmou este martes o rexeitamento da formación que lidera Pablo Casado á reforma laboral, á vez que afeou que o Goberno de Pedro Sánchez se negue a tramitar a nova regulación como un proxecto de lei no Congreso, sen abrirse a que poida incorporar modificacións.

En declaracións aos medios, en Lugo, aproveitou para "denunciar as palabras do ministro Félix Bolaños dicindo que a reforma laboral non se debe tramitar como un proxecto de lei". "Bolaños e o Goberno de Sánchez demostran cada día que non cren no Congreso dos Deputados, que non cren no labor lexislativo, nin na separación de poderes", censurou.

"Os deputados estamos no Congreso para elaborar leis e a contrarreforma laboral que nos presentan agora debería de tramitarse como un proxecto de lei para que os deputados podamos facer as propostas que estimemos convenientes", lamentou o dirixente popular.

Na súa intervención, ademais, defendeu o texto que no seu día viu a luz con Mariano Rajoy na Moncloa. "Permitiu aplicar os ERTES que aí se deseñaron e que salvaron miles e miles de empregos, e funcionou porque permitiu crear máis de 3 millóns de empregos", reivindicou.

"NON SOMOS SUBSTITUTOS DOS SOCIOS DE SÁNCHEZ"

Con todo, insistiu en que o PP non pode aceptar "unha reforma que supón acabar con gran parte da flexibilidade que permitía esa reforma do ano 2012" non pode contar co respaldo dos populares. "Sánchez terá que buscar os apoios nos seus socios, nós non somos substitutos dos socios de Sánchez", instou.

"Nós cremos na reforma laboral de 2012 e non cremos nesta reforma que nos presenta o Goberno porque non dá solución aos problemas do emprego no noso país. Non ten ningún incentivo á contratación, non profunda na flexibilidade como reclaman todos os sectores económicos e en todas as economías avanzadas", argumentou, a continuación.

O dirixente popular incidiu en que en España "se fía a creación de emprego unicamente á creación de emprego público e isto é moi perigoso porque un país non crece se o sector privado non crea moito máis emprego que o sector público". Contrapuxo que, "en España nos últimos tempos, creouse practicamente un 30 por cento de emprego público", o que non ve "sustentable" a longo prazo.

En canto ao BNG, que xa anunciou que se oporía á reforma laboral do mesmo xeito que ERC e EH Bildu, sostivo que os nacionalistas "falan cos seus socios (ERC e EH Bildu), como debe facer Sánchez e non reclamarlle ao PP que apoie a derrogación aínda que sexa parcial dunha norma que aprobou o Partido Popular".

O vicesecretario de participación do PP, Jaime de Olano, en Lugo.
O vicesecretario de participación do PP, Jaime de Olano, en Lugo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta