86 médicos xubilados incorporaranse ao Sergas para reforzar a Atención Primaria

O vindeiro luns abrirase o prazo para que licenciados ou graduados sen MIR se incorporen como técnicos de saúde.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2022 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

Un total de 86 médicos xubilados trasladaron o seu interese en reincorporarse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para axudar nos labores administrativos e de vixilancia na Atención Primaria dada a situación da pandemia da covid-19.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Diso informou este martes o conselleiro de Sandiade, Julio García Comesaña, tras participar de forma telemática na reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) celebrada xunto á Conferencia Sectorial de Educación e a Conferencia Xeral de Política Universitaria. Ao encontro tamén asistiu por videconferencia o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

O titular de Sanidade detallou que, por áreas sanitarias, nove son da de Santiago e O Barbanza; 13 da de Lugo, A Mariña e Monforte; 14 da de Pontevedra e O Salnés; 20 da de Vigo; 19 da da Coruña e Cee; seis da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e cinco da de Ferrol.

Comesaña, que agradeceu a disposición destas persoas, precisou que estes profesionais prestarán un apoio na xestión da pandemia "sen atención presencial a pacientes", de forma que se centrarán en cuestións relativas á teleasistencia e chamadas aos novos positivos.

Así mesmo, detallou que, aínda que a Xunta está "a priorizar o ámbito médico" pola situación "crítica" derivada do aumento de contaxios, con cuestións como un elevado número de incapacidades temporais, tamén se prevé "sondar" a profesionais xubilados de enfermaría.

"Algúns xa se poden incorporar hoxe mesmo ou mañá", destacou Comesaña, que tamén anunciou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro luns o inicio do prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico de saúde de atención primaria do sistema público de saúde de Galicia.

Segundo indicou, estes técnicos farán funcións de apoio sanitario nos ámbitos de xestión da incapacidade temporal, prevención da enfermidade e outros que demanden as necesidades de atención sanitaria e a protección da saúde.

O conselleiro detallou que se trata de listas de ámbito autonómico na que se poderán apuntar as persoas licenciadas ou graduadas en medicina sen o MIR. Ademais, poderán inscribirse persoas do ámbito estatal ou de calquera país da Unión Europea, así como persoas de países extracomunitarios que conten cun título homologado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta