O PSdeG cualifica de "indignante" a situación da Atención Primaria e esixe a Feijóo "responsabilidades"

Lembra que "22 xefes de servizo e da unidade de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo" dimitiron "en bloque" en 2018.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2022 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu responsabilidades ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, polo que considera unha "indignante" situación da Atención Primaria, con "graves problemas" en centros de toda Galicia.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: PSdeG.

Caballero refírese á posibilidade de que se pechen as consultas en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo para atender só urxencias e casos covid.

"Ignoraron as advertencias dos profesionais sanitarios e agora a situación é calamitosa en toda Galicia, xa que hai problemas nos centros de saúde de todas as comarcas", sentenciou o dirixente socialista, que subliñou que os sanitarios "levan moitos anos denunciando o fracaso na xestión do PP".

Gonzalo Caballero, que lembrou que "22 xefes de servizo e da unidade de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo" dimitiron "en bloque" en 2018 "para denunciar a precariedade", a Xunta "continuou a súa senda de recortes e desprezo á sanidade pública galega".

O socialista sostivo que a situación da Atención Primaria está a derivar en que "moitas persoas non poidan contactar cos seus médicos", polo que considera que "existe unha barreira de acceso ao sistema". "Estamos a vivir un retroceso en dereitos con respecto á sanidade pública que é inadmisible", sentenciou.

"Non pode ser haxa listas de espera de ata 15 días de forma permanente para ser atendido por un profesional sanitario, en moitas ocasións mesmo para ser atendidos por vía telefónica", sinalou Gonzalo Caballero.

O socialista incidiu en que "hai espera ata en atención telefónica de persoas con covid que non están a ser chamadas polos facultativos para controlar o seu estado de saúde durante a enfermidade, co risco que isto supón". Ademais, denuncia que "estas persoas tamén teñen dificultades para solicitar as baixas laborais" por "non poder falar co persoal asistencial".

"O sistema vese desbordado con persoal insuficiente porque a Xunta non está a exercer as súas responsabilidades", incidiu para esixir a Feijóo "explicacións" por "enriba de todo" e "arranxar" o "caos" no que "converteu a Atención Primaria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta