Proban con éxito en Galicia un novo dispositivo para reducir o gas radon en vivendas

Investigadores da Universidad de Cantabria, en colaboración coa empresa coruñesa Siglo 21 Consultores, aplicaron un sistema de mitigación baseado na presurización do interior dunha vivenda tradicional do rural galego. Lograron reducir as concentracións do gas de 831 Bq/m3 a menos de 100 Bq/m3 en catro horas.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 06/01/2022 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Por iso o Código Europeo Contra o Cancro, publicado en 2014 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da Organización Mundial da Saúde (OMS), sinálao como unha das exposicións ambientais a reducir. Dadas as características xeolóxicas do seu solo, Galicia é unha zona de elevada exhalación de radon, que se fai máis manifesta nas provincias de Ourense e Pontevedra, como sinala o Mapa de Radon de Galicia.

Sistema de mitigación do gas radon aplicado nunha vivenda rural galega
Sistema de mitigación do gas radon aplicado nunha vivenda rural galega | Fonte: Pol, R., Rodríguez, R., Quindós, L. S., & Fuente, I. (2021). Measurement and Mitigation of Radon Concentration in a Traditional Dwelling in Galicia, Spain. Atmosphere, 13(1), 14. MDPI AG.

O radon é un gas radioactivo natural que tende a acumularse no interior de edificacións, polo que se están explorando técnicas para mitigar a súa concentración nestes espazos. A útima achega é un experimento realizado precisamente en Galicia por investigadores do Grupo Radón do Laboratorio LARUC da Universidad de Cantabria. O seu obxectivo foi avaliar, en condicións reais, a eficacia dunha técnica de mitigación baseada na presurización do interior dunha vivenda tradicional da Galicia rural, mediante o prototipo dun dispositivo desenvolvido en colaboración coa empresa Siglo 21 Consultores, con sede na Coruña, para determinar a súa eficacia durante a rehabilitación da vivenda.

Os resultados obtidos, segundo os investigadores, “mostran que a presurización dos habitáculos produce unha redución efectiva da concentración de radon, cunha solución edificatoria relativamente sinxela” e que é “compatible co principio de mínima intervención” cando se acometen obras en estruturas recoñecidas como patrimonio.

A vivenda na que se aplicou o novo dispositivo atópase nunha zona altamente impactada polo radon, na parroquia ferrolá de Doniños

A metodoloxía consistiu en instalar a solución proposta nunha vivenda tradicional nunha zona rural caracterizada por unha elevada concentración de radon, na costa galega. En concreto, a edificación utilizada no estudo foi unha vivenda unifamiliar tradicional dunha planta e de muros de pedra situada no Concello de Ferrol, na parroquia de Doniños, situada a 57 metros sobre o nivel do mar, nun terreo composto maioritariamente por granito, cun alto grao de meteorización e escasa consistencia e nunha área dominada por piñeiros, cuxas raíces, destacan os autores do estudo, “aumentan a meteorización do substrato rochoso, provocando gretas que permiten a entrada de radon nos edificios”.

A vivenda atópase nunha zona xeográfica clasificada cun alto potencial de radon, no percentil 90 (P90) de niveis de distribución de radon entre edificios da zona superiores a 400 Bq/m3 (becquerel por metro cúbico). O percentil 90 significa que o 90 % dos edificios dunha área teñen concentracións inferiores a un rango de concentración e o 10 % restante supera ese nivel. En canto aos niveis de radon, a Directiva Europea establece o limiar de concentracións para a seguridade humana en 300 Bq/m3, mentres que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda un nivel de referencia de 100 Bq/m3 para minimizar os riscos para a saúde.

Como resultado das medicións realizadas previamente, os investigadores comprobaron que as altas concentracións de radon procedían principalmente do solo debaixo da edificación, o cal, pola propia forma na que se construíu (unha planta, directamente sobre o chan), “favorece a entrada  do gas”, apuntan os autores do estudo, que, con base noutros estudos científicos, desbotaron que os principais materiais de construción da vivenda, principalmente madeira e granito locais, fosen posibles fontes primarias, aínda que non descartan o granito como fonte secundaria, cunha achega non maior do 20-30 %.

Previamente, os propietarios do local xa realizaran medicións, con valores de radon entre 600 e 900 Bq/m3 . Unha vez que os investigadores comezaron o proxecto, realizáronse novas medicións durante un período de dous meses, que deron unha concentración media de 686 Bq/m3, máis do dobre do limiar marcado pola Directiva Europea. 

Co fin de coñecer en detalle as flutuacións nas concentracións de radon e a eficacia das medidas de mitigación adoptadas, instalouse na vivenda un sensor de radon de medición continua.

O sistema aplicado pola Universidade de Cantabria e Siglo 21 Consultores "está suxeito a un proceso de recoñecemento de patentes”

Partindo da evidencia científica de que “un aumento da presión leva a unha diminución das concentracións de radon, e que un aumento da humidade aumenta estas concentracións”, consideraron a estratexia de mitigación baseada na presurización do interior da vivenda, xa que aumenta a presión e reduce a humidade debido ao exceso de ventilación.

“Se ben é certo que, para os valores de concentración en cuestión, as normas establecidas polos organismos competentes coinciden en que non se recomenda o método de presurización interior para niveis superiores a 500 Bq/m3,  neste caso probouse un dispositivo de mitigación baseado nesta técnica para determinar se a máis nova xeración destes dispositivos pode ser, de acordo coas especificacións do fabricante, eficaz contra altas concentracións (no rango de 100 a 4.000 Bq/m3, xa que, tendo en conta as vantaxes que isto ofrece, parecería a solución idónea na situación aquí considerada”, xustifican os investigadores.

O prototipo probado é un atenuador activo da marca Interface desenvolvido por Siglo 21 Consultores xunto co LaRUC, e forma parte dunha serie de dúas unidades, sobre as que os seus autores din “non poder dar máis información”, xa que “está suxeito a un proceso de recoñecemento de patentes”. Con todo, explican, o funcionamento do dispositivo “baséase en bombear ao interior do edificio aire limpo e seco do exterior, con caudal suficiente para manter un diferencial de presión positiva entre o interior e o exterior, co fin de facer máis difícil que o radón do chan baixo o edificio penetre no interior”.

“O dispositivo reduce a concentración de gas radón mediante o uso dun ventilador accionado por enerxía eléctrica que inxecta un determinado fluxo de aire do exterior. Tamén incorpora un filtro de carbón activo que impide o paso de partículas grosas (diámetro inferior ou igual a 10 micras-µm) para garantir que este aire estea limpo de contaminantes. Este fluxo de aire, que atravesa o filtro, é conducido polo ventilador cara a un intercambiador que o quenta ou arrefría segundo a opción elixida”, detallan.

Para avaliar a eficacia da solución proposta, instalouse un sensor conectado a Internet, cuxo funcionamento se puido controlar en tempo real.

RESULTADOS INMEDIATOS

O dispositivo acendeuse ás 12:00 horas do día 28 de maio, cando a concentración no interior da vivenda era de 831 Bq/m3. Despois dunha hora de funcionamento, a concentración baixara un 28,40 %, ata 595 Bq/m3 . Durante as seguintes horas, a concentración continuou descendendo ao mesmo ritmo, ata os 90 Bq/m3 ás 16.00 horas, e a concentración mantivéronse estables por debaixo dos 100 Bq/m3.

Contra o recomendado por autoridades, o dispositivo “mostra a eficacia da mitigación baseada na presurización do interior da vivenda cando os valores superan os 500 Bq/m3”

O seguimento dos niveis de radon no interior da vivenda continuou durante os dous meses seguintes, utilizando os dous modelos distintos de dispositivos de medición continua colocados na vivenda, que rexistraron unha exposición media de 70 e 76 Bq/m3 cada un.

“Os resultados obtidos sitúanse por debaixo do nivel de referencia establecido pola OMS”, destacan os autores do estudo, que consideran que o seu método, contra o recomendado por algunhas autoridades, “mostra empiricamente a eficacia da mitigación baseada na presurización do interior da vivenda en situacións nas que os valores de concentración superan os 500 Bq/m3”.

“O dispositivo probado respondeu de inmediato reducindo a concentración e manténdoa estable nas condicións normais de uso da vivenda, ademais de contribuír a paliar os problemas derivados da elevada humidade da zona e mellorar a calidade dos factores relacionados coa saúde e a humidade dentro da casa”, subliñan os investigadores, que destacan tamén “a facilidade coa que se levou a cabo a instalación, xa que foi rematada en dúas horas por un só operario”. 

Outras vantaxes que destacan son o “impacto limitado” da instalación do sistema sobre a estrutura da vivenda e “a rapidez coa que se pode acometer e o seu baixo custo en comparación con solucións alternativas, como a colocación de barreiras de radon ou a creación de pozos de succión”.

Entre os aspectos negativos, recoñecen que “o dispositivo produce algo de ruído, xa que a un metro do punto de saída rexistráronse 46 decibelios, o que pode supoñer un problema para a comodidade dos que están na vivenda”, polo que o mellor, se é posible, sería situalo “afastado das zonas máis frecuentadas polos habitantes”, comentan.

GALICIA COMO CAMPO DE PROBAS

O feito de que Galicia sexa un territorio altamente impactado polo gas radon converteu o país nun campo de experimentación para os científicos, que están buscando solucións para mitigar este gas canceríxeno en vivendas, lugares de traballo e edificios públicos.

En 2020, investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicaron os resultados dun estudo que evidenciou que as persoas que viven en vivendas con radon están máis expostas a padecer cancro de pulmón. De feito, sábese por outro estudo máis recente realizado polos expertos da USC que o 7 % das mortes por cancro de pulmón en Galicia se producen pola exposición a este gas. Tamén se sabe, por outra investigación, que case a metade dos lugares de traballo analizados en Galicia supera os niveis de radon aceptables para a saúde.

As recomendacións publicadas por organismos públicos nacionais e internacionais en materia de mitigación do radon ofrecen un catálogo de solucións baseadas en diferentes estratexias, fundamentalmente, ventilación de interiores, presurización positiva do local e do terreo, despresurización do terreo baixo o edificio e creación de barreiras contra o gas.

En Galicia, son varios os estudos que avanzaron solucións para a mitigación do radon, pero tamén para crear sistemas de detección e alarma.

Investigadores da Universidade da Coruña lograron reducir os altos niveis de gas radon na Facultade de Informática entre un 87 % e un 90% 

Por exemplo, investigadores do Grupo de Polímeros do Centro de Investigacións Tecnolóxicas e do Laboratorio de Radioctividade Ambiental da Universidade da Coruña (UDC) lograron reducir os niveis de gas radon entre un 87 % e un 90% na Facultade de Informática.

Nos últimos anos, as instalación da UDC foron un foco de atención e preocupación polos altos valores rexistrados deste gas canceríxeno. En xuño de 2016, a propia universidade coruñesa informaba que a sala da Facultade de Informática fora desaloxada, como “medida preventiva”, tras detectarse un exceso de radon.

O gas aparecera no Centro de Cálculo da facultade, nunha "sala pechada á que só acceden os traballadores da universidade", sinalou daquela a UDC, tras detectarse niveis superiores de radon ao límite establecido. E comezaron os traballos de acondicionamento para reducir eses niveis.

Tres meses antes, en mazo de 2016, a UDC decidira tomar medidas no edificio que acolle as facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación tras detectarse, tamén, altos niveis de radon na planta soto.

As medicións foron efectuadas polo Laboratorio de Radioactividade Ambiental, da Escola Universitaria Politécnica, que é o referente na súa área para todo o noroeste de España. Nas medicións tomadas no edificio que acolle estas dúas facultades, observáronse concentracións de 3.000-4.000 Bq/metro cúbico. Tras a aplicación de medidas correctoras, os investigadores da UDC confirmaron que lograron reducir os valores de radon entre un 87 % e un 90%, despois de tres anos de estudo, obras e controis da concentración na Escola de Informática.

Os investigadores contemplaron un conxunto de medidas correctoras: selado ocos, fisuras e gretas para evitar a entrada de radon no edificio, instalación de ventiladores para introducir aire fresco filtrado no edificio e aumentar a presión no interior do edificio con respecto ao exterior para evitar que o radon flúa no interior; instalación de sistemas de sumidoiros do radon, e ventilación natural ou forzada na cámara de aire debaixo do chan para eliminar o radon antes de que entre no edificio.

Valorando todos os elementos, decidiuse instalar un sistema de extracción mecánica no espazo atopado entre o chan e o solo elevado, coa idea de xerar un fluxo de aire que impida a acumulación do gas, funcionando continuamente as 24 horas do día, cunha extracción de aire ao 100%.

Científicos da Universidade da Coruña tamén deseñaron e presentaron recentemente un sistema de alerta e vixilancia de gas radon seguro e de baixo custo, baseado en tecnoloxías de código aberto. Trátase dun conxunto de dispositivos deseñados para espazos habitables de tamaño regular, como fogares ou oficinas, que permite saber ao usuario, con antelación, se ese espazo ten ou non unha alta concentración de radon.

Segundo os seus creadores, este sistema permite que “as persoas que ocupen eses espazos eviten o aumento das concentracións de radon” grazas ás alertas recibidas.

Na Torre de Hércules tamén se probaron solucións para reducir os altísimos nives de radon que concentra este Patrimonio da Humanidade

En canto ao patrimonio arquitectónico, sábese que os muros de edificios históricos poden concentrar importantes cantidades deste gas canceríxeno. Por iso, científicos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia, fixeron probas na Torre de Hércules, na Coruña, onde atoparon fontes importantes deste gas.

En todos os niveis, agás no da planta da entrada principal exterior, as concentracións medias de radon foron “altas, dende 1.178 Bq/m3 no soto, ata 1.429 Bq/m3 no segundo andar”, detallan. Na planta baixa os rexistros foron de 666 Bq/m3, no primeiro nivel 1.196 e no terceiro 1.200 Bq/m3.

Como comentaba Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela, codirector do Laboratorio de Radon de Galicia e coautor deste estudo, este gas “pode ser un problema en edificios históricos”, pero “afortunadamente ten solución”.

Os científicos propoñen remedios non invasivos como, por exemplo, “simplemente selar as xuntas” cun “material máis impermeable ao gas”, “extraer o gas do interior dos muros colocando dispositivos de despresurización nos perpiaños” ou “aplicar técnicas para diluír o gas con aire exterior”.

Dada a protección que teñen moitas destas construcións, que forman parte do patrimonio histórico galego, “a intervención nestes edificios, nunca tarefa sinxela, require unha especialización específica, así como a coordinación cos profesionais encargados da xestión do patrimonio”, rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta