Dúas empresas galegas afirman ser capaces de falar coas vacas

Veñen de desenvolver un 'smartwatch' que analiza o comportamento dos animais para traducilo en palabras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As empresas galegas Innogando e Mindsaic veñen de comunicar un achago que eles mesmos definen como "soñado" ao longo dos séculos pola humanidade: comunicarse cos animais. As corporacións, que veñen de anunciar a descuberta en Linkedin, recoñecen que o lector poida verse aqueixado por "certa desconfianza", pero explican a ferramenta como segue. 

Vacas
Vacas | Fonte: Europa Press.

A tecnoloxía pasa por un 'smartwatch para vacas’ que permite "saber que senten, que lles pasa, como están…" e poder transformar esa información en palabras e expresións comprensibles. O nome do novidoso proxecto é Rumi, un dispositivo que permite dar a xeolocalización do gando pero tamén ter en conta os seus hábitos de alimentación, cando están en celo, os seus partos… etc.

Un dos seus fundadores,  Elio Lopez, veterinario de profesión, relata así o proceso de desenvolvemento do aparello: “Temos un equipo de gandeiros, veterinarios e enxeñeiros enfocados en coñecer en tempo real as necesidades da vaca. Saber onde está e como se atopa cada animal é vital para predicir problemas, tomar decisións e optimizar a produtividade da gandería. Non só é unha vantaxe competitiva para o gandeiro, é unha garantía de maior calidade de produto e de benestar animal”.

O achado foi posible en colaboración con Mindsaic, unha empresa encadrada na investigación tecnolóxica que xa en desenvolto ferramentas de voicebots, é dicir, software co que un se pode comunicar falando "cunha naturalidade sorprendente". O obxectivo, pois, non pasa por traducir os muxidos das vacas senón que se trata de "recoller todos os datos do comportamento animal, tratalos, extraer conclusións, predicir consecuencias… e traducilo en palabras", explican.

"É poder preguntar de viva voz a unha vaca ‘como estas?’ e que a tecnoloxía analice o que o comportamento do animal nos quere dicir e que poidamos escoitar que está en celo ou que en breve vai parir", explican dende a empresa, que xa abren a porta a ampliar a descuberta a outras especies relativas ás explotacións gandeiras, mascotas e demais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta