Comezan as rebaixas con descontos de entre o 20% e o 40% nas grandes cadeas e o pequeno comercio afogado

Os comerciantes expresan a súa "esperanza" ante a resposta dos compradores.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/01/2022 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

As rebaixas de xaneiro comezaron oficialmente este venres 7 de xaneiro e arrincaron con descontos de entre o 20% e o 40% en gran parte dos establecementos, onde os comerciantes expresaron a súa "esperanza" ante a resposta dos compradores a este novo período. Pola súa banda, os consumidores mostráronse "satisfeitos" cos descontos atopados, aínda que moitos recoñecen que prefiren "agardar" ás segundas rebaixas, "con mellores prezos".

Un cartel de rebaixas nun escaparate
Un cartel de rebaixas nun escaparate | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

O período oficial arrinca este venres, pero moitas marcas como anuncian descontos desde hai días. O xigante téxtil Inditex, por exemplo, decidiu adiantar os descontos na súa páxina web e aplicacións, onde as rebaixas comezaron ás 19,00 e 18,00 horas, respectivamente.

Nestas plataformas, moitas das pezas esgotáronse, motivo polo que algunhas persoas se achegaron este venres á tenda física. "Tiña fichado un abrigo en termporada e estaba a esperar polas rebaixas para compralo, pero cando mirei na web estaba xa esgotado. Vin agora e tiven sorte", explica Alba, de 26 anos.

"Os descontos están como sempre, ao principio, entre o 20% e o 40%, igual este ano un pouco máis", indica outra moza, que recoñece que devolverá gran parte do que comprou, que non se probou. "Para os probadores hai moita cola e con todo o da covid... Lévoo e próboo en casa con calma, e logo xa devolvo o que queira", comenta.

As colas nos probadores, iso si, eran máis curtas que outros anos. Non así as das caixas nin tampouco a que se formou esta mañá ás portas do local que Zara ten na Rúa Compostela da Coruña, antes da súa apertura ás 10,00 horas; unha imaxe habitual en anos pasados.

Aínda que recoñecen, en especial os máis novos, que xa prefiren a compra en liña, moitos optaron pola compra presencial, sobre todo os consumidores de máis idade, que prefiren "tocar a peza, probala e se tal, comprala".

Tamén respecto dos orzamentos hai diferenza entre xeracións. Os máis novos recoñecen que, aínda que teñan "fichadas" unas cantas cousas, acaban "caendo", sobre todo a final de rebaixas, con "caprichos" ou cousas que, "aínda que non se necesitan, están ben de prezo". Os maiores apostan, con todo, por comprar "con cabeza" e por agardar á segunda quincena, con maiores descontos. "Se agardo a finais de xaneiro, xa non hai talla; xa case non hai agora", di Alba.

O PEQUENO COMERCIO, PREXUDICADO

Os maiores son ademais os que máis apostan por ir ao pequeno comercio, de proximidade, "o máis afectado" fronte aos grandes descontos das multinacionais de moda rápida, segundo sinala a Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos (AGAXECCA).

A asociación sinalou que as rebaixas deste ano volven escenificar a "indefensión" do comercio de proximidade fronte ás "campañas agresivas das grandes cadeas".

"A desregulación das rebaixas, aprobada no ano 2012, permitiu establecer saldos en calquera momento do ano e para calquera produto, sen necesidade de que estivese previamente en stock. Esta decisión, coa que se esperaba mellorar a competitividade e aumentar a facturación do sector, non tivo os efectos esperados. A competencia provocou unha loita de prezos, agravada polo auxe do comercio electrónico, que tivo como principal prexudicado o pequeno comercio local", explicaron.

Afea, ademais, a conduta das marcas que adiantaron as rebaixas de inverno, que "botaron por terra as expectativas do comercio de proximidade para a última semana das compras do Nadal".

É por este motivo que a AGAXECCA solicitou "volver regular as rebaixas" e así "protexer á pequena economía local". Piden que se recupere o calendario marcado para as rebaixas de inverno e de verán, desde o 7 de xaneiro e desde o 1 de xullo, respectivamente, e lembran que países veciños xa tomaron medidas nesta liña. Portugal, prohibiu por lei os saldos, ata o próximo 10 de xaneiro, "para protexer a un sector moi castigado polas restricións sanitarias".

A crise sanitaria, recoñecen encargados de pequenos comercios téxtiles, minguou "moitísimo" os seus ingresos. "E non contamos coa capacidade para resistir dos grandes", incide María, dependenta nun comercio coruñés. Con todo, móstrase "esperanzada", sobre todo polo apoio dos veciños, os clientes máis habituais para este tipo de tendas, pero tamén pola posibilidade de que os descontos, publicitados a través de redes sociais, consigan atraer a novos clientes "con ganas de algo diferente".

E é que moitas tendas de proximidade uníronse ao comercio electrónico e contan ademais con perfís en redes como Instagram ou Facebook--, o que lles permitiu "chegar a novos clientes", un dos motivos polos que son "positivos" ante as perspectivas de vendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta