Sada chama a atención da Xunta polas demoras no traslado do seu centro de saúde

O rexedor Benito Portela pide unha reunión ao presidente da Xunta para concretar a obra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2022 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O alcalde de Sada, Benito Portela, en nome da corporación local, solicitou por carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, unha entrevista persoal para "poder tratar e concretar, o máis axiña posible, entre ambas as administracións, os acordos precisos para trasladar o noso centro de saúde a unha nova zona de fácil acceso e con mellores condicións".

Nun comunicado, o rexedor subliña que "unha das principais e máis insistentes demandas da cidadanía" é a do cambio de localización do centro de saúde, xa que a súa situación actual, implica "serias dificultades e limitacións tanto para a cidadanía en xeral como para a xente maior e persoas con mobilidade reducida en particular".

Portela comunica ademais ao titular do Goberno autonómico que,despois de diversas reunións tanto co conselleiro de Sanidade como co xerente da área Sanitaria da Coruña, o Pleno do Concello de Sada acordou o pasado 19 de outubro de 2020, por unanimidade de todos os Grupos Municipais, solicitar "a conformidade para cos terreos que a PXOM de Sada reserva como futura localización dun novo centro de saúde".

O alcalde de Sada explica tamén que despois de esperar "un tempo prudencial sen recibir resposta", o Concello "decidiu avanzar no proceso e procedeu á contratación da redacción do PERI que definirá e reordenará a zona onde se prevé a instalación do novo centro de saúde para Sada e permitirá pór a disposición de laConsellería de Sanidade os terreos precisos para a súa construción".

A AUSENCIA DUN NOVO CENTRO, "DECEPCIONANTE"

Doutra banda, cualificou de "totalmente decepcionante" o feito de que no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria non se inclúa un novo centro de saúde para Sada. É por este motivo que a corporación municipal aprobou no pasado pleno municipal, celebrado o 29 de decembro de 2021, e co apoio de todos os grupos municipais excepto do Partido Popular, que se abstivo, o acordo de solicitar á Xunta de Galicia a inclusión da execución dun novo centro de saúde en Sada dentro do Plan.

O pleno aprobou tamén pedir á Consellería de Sanidade a subscrición dun convenio de colaboración entre o departamento autonómico e o municipio para establecer "a planificación, programación de prioridades, prazos, financiamento e execución das obras necesarias" para a construción dun novo centro de saúde na parcela dotacional recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O alcalde de Sada, Benito Portela (d), en rolda de prensa sobre o Pazo de Meirás. CONCELLO DE SADA - Arquivo
O alcalde de Sada, Benito Portela (d), en rolda de prensa sobre o Pazo de Meirás. CONCELLO DE SADA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta