As bibliotecas dos centros galegos lánzanse a implicar ás familias

Máis de cincuenta centros desenvolverán programas para facer partícipes ás familias dos alumnos na lectura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2022 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Un total de 50 centros educativos galegos desenvolverán programas de integración das familias na biblioteca escolar ao longo do curso 2021/2022, tras resolverse a convocatoria da iniciativa 'Lectura e Familias', dotada con 125.000 euros.

Todos os centros participantes, segundo explica a Xunta nun comunicado, están integrados no Plan de Mellora Bibliotecas Escolares(PLAMBE) e solicitaron participar neste novo programa, "cuxo obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e do traballo coa información e medios de comunicación".

Desta forma, insisten, as familias poderán intervir "con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como lectores e usuarios de información". Lembran que esta acción se enmarca no impulso á participación das familias nas bibliotecas que a Xunta realiza a través do PLAN LEA (Lectura, Información e Aprendizaxe), que inclúe programas como os Clubs de Lectura, Hora de ler ou as Mochilas viaxeiras. Por provincias, 22 centros participarán na Coruña, seis en Lugo, cinco en Ourense e 17 na provincia de Pontevedra.

Unha bibliotecaria colle un libro dun andel dunha Biblioteca municipal
Unha bibliotecaria colle un libro dun andel dunha Biblioteca municipal | Fonte: Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta