Sanxenxo poñerá novos límites ás terrazas para "favorecer a convivencia" co uso público das rúas

Un total de 82 de 228 locais de hostalaría do municipio xa iniciaron trámites para renovar estes espazos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2022 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O Concello de Sanxenxo reactivará ao longo deste mes de xaneiro a vixencia da ordenanza sobre as terrazas dos locais de hostalaría, que quedou en 'stand by' durante medio ano debido á pandemia. Segundo indica o goberno local nun comunicado, a normativa "xa se debería estar a aplicar na súa totalidade desde o pasado 30 de xuño". Así, volverá ser de obrigado cumprimento este ano e será comunicado aos hostaleiros nun novo requirimento municipal.

O obxectivo do Concello é que a normativa estea a funcionar "a pleno rendemento" no verán para "favorecer a convivencia" entre a actividade económica das terrazas e o uso público da vía. De feito, 82 establecementos dun total de 228 locais que contan con terrazas xa iniciaron a tramitación da renovación das mesmas.

De acordo coa normativa que recuperará a súa vixencia, os hostaleiros deberán achegar na súa solicitude un plano no que se acoute as medidas concretas da instalación, o número de cadeiras e mesas, ademais de estruturas anexas como paraventos ou toldos.

En canto aos horarios dos establecementos, a ordenanza explicita que a apertura se poderá realizar a partir das 8,00 da mañá, aínda que o peche terá dous períodos diferenciados ao longo do ano: de novembro a maio botarán o enreixado ás 2,00 da mañá, mentres que de xuño a outubro será ás 2,30 horas.

Persoas consomen nas terrazas de establecementos de Sanxenxo.. Beatriz Ciscar - Europa Press
Persoas consomen nas terrazas de establecementos de Sanxenxo.. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta