Galicia pasa de 10.670 a 67.700 casos activos de Covid nun mes e duplica os hospitalizados

A taxa de positividade é dun 22,6%, máis de catro veces máis do que recomenda a OMS, tras outras 14.500 probas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2022 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

Galicia supera os 67.700 casos activos de Covid-19 ao situarse en 67.724, despois de rexistrarse outros 4.966 novos contaxios --619 menos que o día anterior--. Isto supón case seis veces máis de contaxiados que os que tiña Galicia hai un mes, cando había 10.670. Mentres, os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 502, que supoñen 53 máis que a xornada pasada e do dobre dos que había o 10 de decembro.

Segundo os datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 do domingo, descenden a 53 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --dúas menos-- mentres que aumentan a 449 as hospitalizadas noutras unidades --55 máis--.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas sete, coa de Lugo á cabeza, que aínda que mantén cinco pacientes Covid en UCI, rexistra 42 noutras unidades --11 máis--, mentres que na de Vigo descenden a 12 os críticos --tres menos--, pero increméntanse a 92 os doutras unidades --11 máis--.

A área de Santiago e Barbanza rexistra sete pacientes Covid en UCI --un máis-- e 72 noutras unidades --sete máis-- e na de Pontevedra e O Salnés baixan a sete o críticos --un menos--, pero soben a 55 os ingresados noutras unidades --nove máis--.

Na área de Ferrol continúan dous ingresados en UCI pola Covid e aumentan a 25 os hospitalizados noutras unidades --seis máis--; mentres que na de Ourense aumentan a sete o críticos --un máis-- e a 72 os doutras unidades --seis máis--. E na da Coruña e Cee mantense 13 pacientes Covid en UCI e aumentan a 91 os ingresados por este coronavirus noutras unidades --cinco máis--.

CASOS EN AUMENTO

Os casos activos de Covid-19 continúan en aumento en Galicia e ascenden a 67.724, que supoñen 2.389 máis que a xornada anterior, o que implica un incremento menor que o día pasado, ao haber de novo máis contaxios (4.966) que altas (2.575), ao que se engaden dous falecidos.

A área da Coruña e Cee rexistrou o maior incremento de infeccións activas (+573), seguida da de Ourense (+497), Santiago e Barbanza (+357), Vigo (+348), Lugo (+255), Pontevedra e O Salnés (+240) e Ferro (+119).

Por tanto, con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 15.199; seguida da da Coruña e Cee, con 12.859; Santiago e Barbanza, con 12.010; Ourense, con 8.586; Pontevedra e O Salnés, con 7.929; Lugo, con 6.875; e á cola continúa a de Ferrol, con 4.266.

MENOS CONTAXIOS

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 descenden lixeiramente a 4.966 no inicio desta semana, que supoñen 619 menos que os 5.585 do día anterior, cando se volveu a superar a barreira dos 5.000 desde o 1 de xaneiro. O luns pasado, 3 de xaneiro, rexistráronse 2.899, que supuxeron o primeiro descenso por baixo dos 3.000 desde o luns 27 de decembro.

En canto á taxa de positividade en PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test--, comeza esta semana cun descenso ao 22,6 por cento en Galicia, tras situarse nun 28% o día anterior. Deste xeito, mantense moi por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Varias persoas fan cola para facerse PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo, a 23 de decembro de 2021, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias persoas fan cola para facerse PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo, a 23 de decembro de 2021, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta