Caballero esixe a Feijóo un plan de reforzo do persoal en sanidade e educación para facer fronte á covid

Pide volver contratar aos 868 profesores de reforzo que foron "despedidos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un plan de reforzo do persoal dos servizos públicos, especialmente na educación e a sanidade, para facer fronte á sexta onda da covid.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, Gonzalo Caballero emprazou a Feijóo a "volver contratar" aos 868 profesores de reforzo" que, segundo denunciou, foron "despedidos", así como aos "500 profesionais sanitarios" que estiveron no Sergas "nos momentos máis duros da pandemia". "Teñen que volver estar para dar fortaleza ao sistema", sostivo Gonzalo Caballero, que lembrou que hai máis de "60.000 persoas contaxiadas" pola covid en Galicia e que o curso escolar "se inicia cuns 9.000" casos.

Tras sinalar que a alta porcentaxe de vacinación permite "manter un nivel de actividade social, laboral, económica e cultural" pese á alza de casos, considerou necesario "non baixar a garda". "Temos que manter todos os protocolos e as alertas acesas", afirmou.

Así, insistiu en que para facer fronte a esta sexta onda hai que fortalecer a sanidade e a educación cun plan de reforzo do persoal. "Hoxe iniciamos un curso escolar con 9.000 alumnos contaxiados, centos de profesores de baixa e hoxe mesmo o Goberno da Xunta debería cambiar a súa política de recortes de persoal e empezar a contratar aos profesores de reforzo despedidos", insistiu.

Neste sentido, tamén se referiu á afectación desta onda na atención primaria para criticar que o PP mandase "pechar as consultas en 14 centros de saúde da área de Vigo". "Esa orde ten que ser reconsiderada", asegurou Gonzalo Caballero, que argumentou que os problemas da sanidade "non se solucionan" con esa decisión senón con "persoal suficiente".

Ademais, o parlamentario socialista asegurou que si hai fondos para contratar a máis persoal e censurou que Galicia fora unha das comunidades autónomas de España que "menos" partidas dos "fondos covid" destinou á sanidade. "Só dedicou un 42% a sanidade, mentres que no conxunto de España a porcentaxe foi do 52%", dixo.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta