Jácome acusa o PP, o seu socio de goberno, de "non estar a facer as cousas ben"

O alcalde de Ourense critica o plan de urbanismo e os orzamentos deseñados polos seus socios.

Por E.P. | Ourense | 10/01/2022 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, compareceu este luns ante os medios para trasladar os novos proxectos para o 2022 e, nela, tamén apuntou directamente ao Partido Popular, o seu socio de goberno, sinalando que "non están a facer as cousas ben".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Europa Press.

Jácome comezou criticando o Plan Xeral de Urbanismo e explicou que remitiu en maio de 2021 un comunicado ao equipo redactor do mesmo no que había seis liñas vermellas que se deberían modificar para poder levalo a pleno, unhas modificacións que aínda non están listas.

"Din orde de que había que limar uns pelotazos", dixo antes de apostilar que non sabe se o equipo redactor "está infectado por PSOE ou freado polo Partido Popular", pero, con todo, "tomarase unha decisión nos próximos días".

Tras afear a situación da área de Urbanismo o alcalde tamén se referiu á área de Facenda, para criticar "a táctica" da edil do PP, Ana Morenza, para levar a cabo os orzamentos.

"Creo que hai moitísimas cousas que non están a facer ben, por exemplo, os orzamentos", sinalou para continuar: "Coido que o normal é negocialos e desenvolvelos coa oposición, se non, non teñen sentido". Ademais, argüiu que Morenza "empezou a casa polo tellado" e o consenso é clave para sacalos adiante.

Outro dos choques entre os socios de goberno é a área de termalismo, xa que o alcalde prometera a apertura das termas --pechadas desde marzo de 2020-- para o pasado 1 de decembro, mentres que a edil da área, Flora Moure, dixera que a situación "non estaba para datas fixas".

Así pois, agora o rexedor municipal incidiu en que coas termas "están a equivocarse porque teñen medo a técnicos restritivos". Deste xeito, esgrimiu que "non vai agardar máis porque hai que aproveitar a chegada do AVE".

"As do Muiño non poden estar operativas pola súa proximidade co río, pero as de Outariz si e é inxustificable. Temos que solucionar esta situación", dixo, para a continuación, apostilar que "se non é por un técnico que chegou como asesor eventual os enxeñeiros desta casa non permitisen despegar o foguete que foi á Lúa, estarían aínda pedindo informes."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta