Áreas de Galicia, entre as zonas que rexistraron maior incremento das temperaturas en decembro en España

A media estatal situouse 1,9°C por enriba do nornal.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 10/01/2022 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O balance climático que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) publicou este luns, relativo a decembro de 2021, determina que o último mes do pasado ano tivo en conxunto un carácter moi cálido, cunha temperatura media na España peninsular de 8,5°C, o que lle sitúa, segundo a axencia, como o terceiro decembro máis cálido desde que hai rexistros (1961), e sinala a Galicia como unha das Comunidades nas que o incremento nos valores dos termómetros foi maior.

Sol e calor
Sol e calor | Fonte: Xunta.

A AEMET, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO), explicou que a temperatura media no Estado en decembro de 2021 sitúase 1,9°C por enriba da media deste mes no período de referencia existente, que vai de 1981 a 2010; e apunta que só decembro de 1989 e 2015 superaron en calidez ao pasado mes.

No balance do AEMET, sinálase que decembro de 2021 foi "moi cálido en practicamente todo o territorio peninsular español" e apenas se rexistraron "anomalías térmicas negativas" en ningún punto.

Neste sentido, as máis destacadas para os expertos son as próximas a +2°C, que se rexistraron en amplas zonas de Galicia, Castela e León, Estremadura, Madrid, Andalucía occidental, Castela-A Mancha, sur de Aragón, Comunitat Valenciana e Rexión de Murcia, chegando a observarse valores próximos a +3°C nalgúns puntos destas rexións.

Ademais, en decembro do ano pasado, as temperaturas máximas diarias quedaron en media 2°C por enriba da media, mentres que as mínimas diarias situáronse 1,8°C por enriba do valor medio, resultando unha oscilación térmica 0,2°C superior á normal do mes.

En estacións principais, como a dos aeroportos de Valladolid e León, indicou a Axencia de Meteoroloxía, a temperatura media foi a máis alta dun mes de decembro desde o comezo das súas series; mentres que na estación principal de Asturias, en Avilés, a temperatura mínima rexistrada o día 28, de 17,4°C, resultou a máis alta rexistrada en decembro desde o comezo da súa serie, en 1968.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta