Bugallo agarda contar cos bonos de desconto 'Corazón' antes do Entroido

O alcalde de Santiago de Compostela apunta ao 26 de febreiro como data para repartir activar estas axudas de entre 30 e 75€ ao consumo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que o Concello traballa coa hipótese de que os 'Bonos Corazón', para dinamizar o sector do comercio e a hostalaría, estean activos desde o 26 de febreiro para coincidir co inicio do Entroido. O rexedor explicou, tras unha reunión este mércores con comerciantes do barrio de San Pedro e Concheiros, que este ano, os bonos publicitaranse baixo o epígrafe 'Bonos Corazón San Pedro' e que poderán utilizarse en todo o barrio.

Esta iniciativa ten o obxectivo de incentivar a actividade económica na hostalaría, comercio e servizos locais, con bonos que van desde os 30 ata os 75 euros. Cada cliente pode descargar ata tres bonos cofinanciados nun 40% polo Concello. Ademais, terán unha validez de tres meses, ata o 31 de maio se se cumpren os prazos previstos.

Bugallo afirmou que o goberno local traballa para completar todos os procesos administrativos relativos antes da data prevista e mesmo baralla a posibilidade de convocar un pleno extraordinario que axude a acelerar o proceso.

AXUDAS DIRECTAS

Sobre as axudas directas que reclamaron os comerciantes de Concheiros nas últimas semanas, Bugallo asegurou que non se tratou o tema na reunión deste mércores. O alcalde insistiu en que as axudas que se poidan realizar farano dentro da convocatoria xeral do Concello de Santiago. Tamén, asegurou que nesa convocatoria teranse en conta as perdas rexistradas polos comercios, e mesmo poderían incluír o primeiro trimestre de 2022 e non só os do ano anterior. Sánchez Bugallo comentou finalmente que a reunión cos comerciantes foi "produtiva e concreta".

Rúa San Pedro, Santiago de Compostela
Rúa San Pedro, Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta