Sanidade: "Galicia é a Comunidade con máis poboación maior de 12 anos vacinada con pauta completa contra a covid-19"

Supera o 95%. Tamén é a primeira con máis nenos e nenas de entre cinco e 11 anos coa primeira dose.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2022 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade destacou que Galicia é "a Comunidade con máis poboación maior de 12 anos vacinada con pauta completa, máis do 95%; así como a primeira con máis nenos e nenas de entre cinco e 11 anos coa primeira dose, un 60%, e lidera a porcentaxe de vacinación con dose de reforzo en todos os grupos de idade".

Unha persoa recibe unha vacina contra a Covid-19
Unha persoa recibe unha vacina contra a Covid-19 | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou o "fluír normal" da inoculación das doses no grupo de cinco a 11 anos, e animou á poboación xeral "a cumprir as regras e a vacinarse".

Comesaña agradeceu aos pais, ao persoal do Sergas e aos militares que colaboran nas tarefas de vacinación, o seu traballo durante estes días e insistiu en que "a día de hoxe, unha gran porcentaxe" dos ingresados por covid, "non están vacinados".

Respecto da evolución da pandemia, o titular autonómico de Sanidade espera a baixada de casos activos "en breve", pero puntualiza que, a pesar da situación, o incremento de ingresados está controlado, sobre todo en UCI. Achaca isto á vacinación, polo que insistiu na necesidade de acudir aos puntos habilitados e "cumprir as normas".

Comesaña tamén se pronunciou sobre o aumento de casos detectados en residencias da terceira idade, sobre os que destacou que todos os contaxiados "contaban coa terceira dose" e están asintomáticos, polo que se descarta unha intervención pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta