GC Aberto

O principio de pracer

É factíbel equiparar o principio de pracer e o principio de realidade freudianos con dous dos conceptos filosóficos que desenvolve Nietzsche en «O nacemento da traxedia» (1872): o apolíneo e o dionisíaco, que tamén se presentan asociados aínda sendo contrapostos.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 05/02/2022

Comparte esta noticia

Seguramente moitos lectores de Galicia Confidencial tiveron noticia de que no museo Thyssen Bornemisza está a ter lugar, até o día 30 deste mes de xaneiro, a exposición «La máquina  Magritte», na que se mostran máis de noventa cadros do pintor surrealista belga René Magritte (1898-1967).

Nesta ocasión examinarei, por resultarme rechamante e descoñecido, o seu cadro «Le principe du plaisir» (O principio do pracer), sobreentendendo que, sen dúbida, o título está a referirse a «Le principe de plaisir» (O principio de pracer) freudiano.

No seu breve escrito «Formulación sobre os dous principios do acaecer psíquico» (1911), Freud afirma que os procesos psíquicos inconscientes son os máis primitivos e primarios; e réxense polo principio de pracer-dispracer que ten como fin, como o seu nome indica, obter pracer e evitar o dispracer. Pola súa banda, o principio de realidade oponse ao principio de pracer debido a que, en función da realidade exterior, difire a satisfacción pracenteira de tal xeito que «abandónase un pracer momentáneo, pero inseguro nas súas consecuencias, só para gañar polo novo camiño un pracer seguro, que virá despois».

Como é sabido, o epítome das sensacións pracenteiras é o goce sexual, o cal non reside nos órganos xenitais, senón no cerebro. Por tanto, é posíbel interpretar esta pintura dunha forma distinta a como o fai a cartela que a acompaña na exposición, na que dise que neste retrato de Edward James «ao transformar a cabeza nunha explosión luminosa o pintor sacrifica o máis esencial nun retrato: o rostro. Este sería un primeiro paradoxo; o segundo consiste en que o que nos oculta a cara do retratado non é, como noutros cadros de Magritte, unha mazán ou outro obxecto, senón a luz, que se supón destinada a revelarnos o aspecto das cousas».

Na miña opinión, carecería de sentido que Magritte quixera facer un retrato ao óleo que fose unha copia dun retrato fotográfico que xa tiña; a súa intención debeu ser outra: talvez engadir algunha cualidade da personalidade de Edward James que non se manifestaba no seu rostro. Non sacrificou, xa que logo, nada; senón que, pola contra, a esfera luminosa que ocupa o lugar da cabeza de James revelaría a dinámica deses procesos psíquicos inconscientes dos que fala Freud e que só son accesíbeis a través da análise psicolóxica ou dos soños.

En consecuencia, esa potente luz non oculta, desvela. Por suposto, non a cara do retratado, pero si o nivel enerxético do seu cerebro. Con seguridade, non sería errado concluír que non estamos diante dunha simple iluminación, senón dun estalido de enerxía acumulada que dado o título do cadro cabería identificar coa tensión que se xera durante o ciclo da resposta sexual humana, que precisamente finaliza cunha explosión orgásmica na que se libera unha gran cantidade de endorfinas xeradoras de pracer.

O paradoxo reside en que inspirándose na teoría freudiana, Magritte utilízaa para opoñerse a ela en tanto en canto a súa interpretación da sexualidade contradí a do prestixioso médico austríaco, para quen debe primar a función reprodutiva do sexo por cima da pracenteira. Quedaría bastante claro, por conseguinte, que en René Magritte e en Edward James prevalecía o principio de pracer sobre o principio de realidade.

Non obstante, no texto citado máis arriba Freud sostén que a arte consegue reconciliar ambos os dous principios. Para el, o artista é inicialmente un home alleo á realidade xa que non acepta a renuncia á «satisfacción pulsional» que aquela lle esixe e dá libre curso aos seus desexos eróticos e de ambición. Con todo, termina asumindo o mundo real ao plasmar as súas fantasías nas súas obras as cales deveñen «realidades efectivas» que os demais homes consideran valiosas porque, a xuízo de Freud, representan a realidade obxectiva.

É factíbel equiparar o principio de pracer e o principio de realidade freudianos con dous dos conceptos filosóficos que desenvolve Nietzsche en «O nacemento da traxedia» (1872): o apolíneo e o dionisíaco, que tamén se presentan asociados aínda sendo contrapostos.

O dionisíaco, o espírito de Dioniso, é a forza dos instintos, a exaltación creativa e a paixón sensual: é, en definitiva, o imperio do principio de pracer. O apolíneo, como o principio de realidade, condúcenos cara á moderación, o equilibrio e a razón.

Na exposición do museo Thyssen, René Magritte amósanos a súa faceta dionisíaca, polo menos no que á súa aproximación á sexualidade humana refírese.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta