O urbanismo único da camelia 'das Rías Baixas e da Galicia enteira' chega ao Xapón

A camelia viu de lonxe pero fíxose a Galicia como ningunha outra. Medrou, vigorosa, nas estradas e nos parques. E o urbanismo de Pontevedra tempo despois copiárono dende o Xapón, que nos agasallou con ela.

Por Alicia Casas | COMPOSTELA | 22/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando no século XVIII chegaron as camelias en Europa tiveron moito coidado. Viñan de tan lonxe eran tan delicadas que as tiveron primeiro nos invernadoiros e miraron moito por elas. Por algún motivo en Galicia non se fixo así. Puxeron as camelias polas rúas e agora medran nas estradas e nos parques. ‘Tedes rosas nas árbores’ é unha frase que di moito a xente cando vén a Galicia, “E aquí non temos rosas nas árbores, temos camelias” di a xerente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero. “Hainas simples, hainas dobles, hainas pequenas, grandes, que ulen, que non, hainas blancas, hainas rosas, vermellas...” enumera Carmen Salinero sobre esta planta que florece entre o outono e o inverno. Sobre a camelia escribiu Álvaro Cunqueiro que era a máis fermosa visitante que teñamos recibido endexamais no noso país.

Camelia do Xardín de Camelias Figo de Areeiro
Camelia do Xardín de Camelias Figo de Areeiro | Fonte: Observer Science

 

Existen case 300 especies distintas de camelia e na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro conxunto do CSIC e a Deputación de Pontevedra, teñen unha colección dunhas 80. Aí analizan o seu ADN, identifican as especies, sinalan as súas propiedades medicinais e fan té ou aceite de camelia sen ningún aditivo. Agora tamén acollen as visitas da Ruta da Ciencia Areeiro, unha ruta científica centrada na investigación botánica da camelia. Visitas guiadas dirixidas tanto a público xeral como a profesional do eido científico por uns xardíns con moitas especies e cultivares de camelia, feixoa, unha primeira plantación de kiwi, unha plantación de té ou unha pequena plantación de aromáticas.

 

A xerente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro explica que antes moitas das plantas eran moi pequenas pero agora xa o xardín ten outro tamaño, por iso tamén se decidiu abrir. “Non é un proxecto turístico, nin moito menos”, aclara Carmen Salinero. É unha maneira regulada para que a xente interesada poida coñecer o xardín. Un xardín non pensado para ver por pasear, senón creado arredor dunha serie de coleccións e plantacións feitas para investigar que agora teñen forma de xardín. “Non é unha ruta á que vas coas mans nos bolsillos e saes de ver cousas bonitas. Aquí ves cousas bonitas pero non ves estruturas de xardín como tal”, incide a tamén presidenta da Sociedad Española de la Camelia.

 

Trátase de empregar a botánica como formación e con esa mesma premisa xurdiu un novo grupo de camelias no Castelo de Soutomaior, cuxos sendeiros percorren en total máis de 300 exemplares de 22 especies distintas. E agora baixo nomes como o de Maria Vinyals, Rosalía de Castro, Jane Andresen ou 'Bella Otero" entre outros tantos, cativos e non cativos miran para as 'rosas das árbores' mentres descobren nelas ás mulleres que loitaron para que hoxe poidamos votar. A militancia das camelias brancas.

 

Nese xardín que homenaxea a importantes mulleres da nosa historia, unha das flores leva por nome Kate Sheppard. A sufraxista, pioneira na loita polos dereitos das mulleres e rostro do billete de dez dólares de Nova Zelanda, identificábase cunha camelia branca. Cando no 1893 se recoñeceu por primeira o dereito ao voto das mulleres, foi por ela que as mulleres e homes que votaron 'si' levaron unha camelia branca e as que votaron 'non', unha vermella.  "Esas cousas son históricas e son as cousas que se explican un pouco nestes xardíns", di Carmen Salinero.

 

AS CAMELIAS DOS MÁIS PODEROSOS SAMURÁIS

 

Na sociedade dos samuráis, no antigo Xapón, a xardinería era unha das habilidades que debían dominar para ser admirados polo Emperador. E de entre todos os samuráis, só os máis poderosos cultivaban a chamada 'Camelia Figo', que despois se foi perdendo porque "digamos que cada un tiña a súa". No Xapón intentaron recuperalas, foron recompilando as camelias e non deixaban sacalas do país, pero a colección foi en parte destruída no 2016 canda o Terremoto de Kumamoto. 

 

Areeiro, grazas ás doazóns do médico italiano Franco Ghirardi (a quen lle permitiran sacar as plantas fóra de Xapón), posúe a maior e máis completa colección de 'Camelias Figo' en Europa. Grazas á colección de Areeiro, logo do terremoto do 2016, en Xapón puideron recuperala. "Por iso é tan bo o que che comento, ter un banco de coleccións de xermoplasma e que estén dispoñibles", esgrime Carmen Salinero.

 

Na Estación Fitopatóxica de Areeiro dispoñen dun banco de xermoplasma, un lugar para preservar o material biolóxico e garantir así a conservación da diveresidade xenética, que é de certa maneira público. "Non é que vas aí e colles o que queres, pero si podes ir e dicir que tes interese en tal camelia ou en tal aguacate, e nós imos dar un anaco", explica.

 

OS CABELOS DAS GEISHAS

 

"Eu unha vez dixen unha maldita frase que me recordan sempre, que é que da camelia se aproveita todo, coma cos porcos. Horrorízame a frase frase pero é verdade", di rindo Carmen Salinero. Como ornamental non está a discusión, hainas de todos os tipos para todos os gustos, así que a presidenta da Sociedad Española de la Camelia profunda noutros usos. Comezando pola madeira, unha madeira dura e resistente usada en moitos países. Aquí, como acontece co carballo, a camelia impide ao lume avanzar.

 

Despois está o té, apunta Carmen Salinero, a bebida máis consumida do mundo despois da auga. Unha bebida cunha moi importante tradición na zona asiática-- "O primeiro manual escrito de agricultura que hai no mundo é un manual sobre o té de hai 3.000 anos en China"-- e agora mesmo en todo o mundo. Pero aínda que o consumo de té se estendeu polo mundo hai relativamente pouco, Carmen Salinero salienta que en países como poden ser China ou Camboia ou Vietnam, beber auga fervida foi sempre importante debido á contaminación da auga.

 

Do mesmo xeito acontece co aceite de camelia, agora novo e popularizado aquí pero tan antigo como noutos lugares. Semellante ao aceite de oliva, pero cunha densidade e viscosidade diferentes e con outro sabor. Un aceite san, bo co corpo e para o corazón, moi penetrante e hidratante na pel, rexenerante, nada pegañento e mesmo usado noutros tempos para afiar catanas. Máis utilizado no Xapón para a cosmética, máis utilizado na China (en toneladas) para o consumo humano. Un aceite que pouco a pouco se foi perdendo, facíase coas flores silvestres, mentres aumentaba o consumo doutros aceites. Así o describe Carmen Salinero, e tamén como un aceite caro: "Din que as geishas, para ter o cabelo tan fermoso, se peitea todos os días con aceite de camelia".

 

FROL DAS RÍAS BAIXAS E DA GALICIA ENTEIRA

 

A camelia chegou a Galicia no século XVIII, aínda que non se sabe ben cando porque hai pouca documentación ao respecto. Saben que é orixinaria do sueste asiático e cren que entrou en Galicia por Portugal ou España. No semellar a camelia ser unha rosa nunha árbore disque reside a incerteza, pois chamábana 'Rosa de China' ou 'do Xapón'. Varios séculos despois chamámola 'camelia' e ten unha ruta con 13 xardíns que decorren as Rías Baixas.

 

Cando no 1984 comezou Carmen Salinero a traballar na camelia, ela e Pedro Mansilla percorreron a provincia de Pontevedra identificando, catalogando, as plantas que había. Viron a súa potencialidade e coleccionaron material durante moitos anos de traballo. Ata que no ano 2.000 propuxéronlle á Xunta nombrar á camelia flor de Galicia, pero daquela estaba Fraga e dixo que a camelia non podía ser flor de Galicia porque era unha planta introducida e el quería que fora unha de monte. "Pero sempre foi a flor das Rías Baixas, aquí había un movemento. A xente seguía plantando camelia, escritores escribían arredor dela e había tamén algún pintor", cavila Carmen Salinero.

 

Tempo despois, canda o bipartito, sacaron o documento dun caixón e citaron a Carmen Salinero en Compostela porque quixeron recuperar o proxecto. Dese documento saíu a base para crear a 'Ruta da Camelia', que daquela eran 8 xardíns e hoxe son 13. 

 

Cando chegaron as camelias a Europa, en Galicia puxémolas nas estradas e nos parques, onde medran vigorosas. Á xente chámalle moito a atención, di Carmen Salinero, porque é un tipo de urbanismo único. "Curiosamente na Illa de Gotō, un lugar de onde viñan as camelias e do que posiblemente chegaron as camelias a Galicia, dixéronme que puxeran na rúa principal unhas macetas enormes con camelias", afirma Carmen Salinero.

 

Da flor que florece cando non hai outras escribiu Cunqueiro no seu 'Laude da Camelia':

Neve cando ela quere, sangue cando ela quere, quizaves nela escondese unha princesa encantada que nos veu de mui lonxe, pra que os galegos poidamos vivir nas neboas e nas albas grises como si camiñaramos cunha luz na man.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E como tantas outras cousas fermosas algún vainas arrincar sen pensar siquera que arranca parte da nosa historia e da nosa maneria de estar no mundo... https://vimeo.com/635759708