A APDR denuncia a "manipulación" do Consello Consultivo da Xunta e pide a dimisión do director

Jose Luís Costa Pillado, número un do órgano, foi escollido por Núñez Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa dA Ría de Pontevedra (APDR) denunciou a "manipulación" por parte da Xunta de Galicia e do Partido Popular do informe elaborado polo Consello Consultivo sobre as posibilidades legais de adscribir ao Porto de Marín os terreos de dominio público actualmente ocupados por ENCE en Lourizán.

Así o manifestou este mércores en rolda de prensa o presidente da APDR, Antón Masa, quen esixiu ao presidente do Consello Consultivo, Jose Luís Costa Pillado, escollido por Feijóo, que "saia ao paso desta situación publicamente ou, na súa falta, presente a súa dimisión".

A APDR enviou dous escritos ao presidente do Consello Consultivo en relación co citado informe explicándolle que estaba a ser "utilizado para conseguir algo que ía en contra das sentenzas da Audiencia Nacional e en contra da lexislación" e, por tanto, solicitábanlle "que non entrase ao xogo do Partido Popular e do señor Feijóo".

Estes escritos non tiveron contestación por parte do Consello Consultivo. "Non ten porque respondernos", admitiu Masa, "pero tampouco actuou, que é o que debería facer". A APDR entende que esta actuación da Xunta, o PP e o Comité de oficinas de Ence "están a utilizar este informe de forma ilegal" xa que afirman que o Consello Consultivo ve "viable" a integración dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín incluíndo á propia fábrica pasteira cando "iso non o di en absoluto o informe", insistiu Antón Masa.

A Asociación pola Defensa da Ría afirma que esta "utilización" do informe non pode pasar desapercibida para o propio Consello que debería "desmentir" estas "manipulacións" e esixir un comportamento respectuoso con esa institución.

Antón Masa lembrou que "non se pode tomar ningunha determinación nin administrativa nin xudicial para pasar por encima das sentenzas cando sexan firmes" e ademais "en ningún caso unha fábrica como a de Ence podería estar en terreos de Portos do Estado", algo que, segundo asegurou, "esta prohibido" pola Lei de Portos do Estado, entre outras.

"Están a crear a sensación de que iso é posible e están a enganar directamente á clase obreira de Ence que debe saber que para nada esa solución é viable", dixo Antón Masa. "Só esixíndolle á súa empresa un cambio de localización poderían chegar a ter unha solución en Galicia", concluíu o presidente da APDR.

José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, e Alberto Núñez Feijóo
José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta