Por X.M. Fernández | Verín | 20/01/2022 | Actualizada ás 20:00
A Xunta non espera efectos ambientais significativos no Plan especial de protección e reforma interior do centro histórico e barrio de San Lázaro de Verín, polo que considera que non é necesario sometelo a avaliación ordinaria.
Deste xeito, a redacción deste instrumento, financiado pola Xunta con case 85.000 euros, avanza na súa tramitación ao concluír o procedemento ambiental. Así se recolle no Informe ambiental estratéxico, emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, deste plan, cuxo principal obxectivo é protexer, rehabilitar, conservar e por en valor o conxunto histórico de Verín, formado polo centro antigo e o barrio de San Lázaro.
OBSERVACIÓNS E MELLORAS QUE INCLÚE O INFORME
Aínda que non se esperan efectos ambientais adversos, no propio informe sinálanse unha serie de determinacións a ter en conta e que se deben incorporar ao Peprich, como xustificar a incorporación de terreos rústicos de especial protección situados ao norte do barrio de San Lázaro e que está afectadas pola zona de fluxo preferente do río Támega, que debe contar co informe favorable dos órganos sectoriais correspondentes.
Tamén se indica a necesidade de atender á suxestión realizada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de revisar as alturas e fondos máximos de edificación permitidos para que sexan coherentes co carácter de protección do plan, especialmente no barrio de San Lázaro; e ás medidas protectoras e correctoras da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como identificar todos os bens do patrimonio cultural existentes no ámbito e incluír no catálogo, ademais dos recollidos no Peprich anulado de 2003, unha ficha dos existentes na Vía da Prata.
Un último aspecto que se suxire é estudar a ordenación dos contedores de lixo e establecer zonas de aparcamento que liberen de vehículos o centro histórico.
A Consellería de Medio Ambiente asinara un convenio de colaboración co Concello de Verín para redactar este plan especial, no que se recolle que a Xunta achegou 84.397 euros ata 2021, mentres que o Concello destinou 9.377 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.