Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 20/01/2022 | Actualizada ás 12:15
Mazaricos acollerá o vindeiro sábado, 22 de xaneiro, os actos organizados pola Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común e o Instituto Galego de Terras Comunitarias con motivo da primeira conmemoración do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. A actividade lembra o falecemento, o 22 de xaneiro de 1963, do veciño de Eirón Xosé Esperante, Che de Pedro, durante o enfrontamento coas forzas de seguridade no contexto da defensa das terras comunitarias por parte da veciñanza.
A data institúese así como recoñecemento do papel que moitos homes e mulleres desenvolveron ao longo da historia na defensa da propiedade comunitaria, dos montes veciñais en man común dende hai xeracións.
A xornada dará comezo ás 11h no Salón de Actos da Casa de Cultura da Picota (Mazaricos), coa recepción por parte do alcalde, Juan Blanco. Posteriormente, intervirá o presidente da ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes), Xosé Alfredo Pereira. A continuación presentarase a Unidade Didáctica “Terras comunitarias/Montes veciñais” do INGATECO (Instituto Galego das Terras Comunitarias).
Ás 12:15h as persoas participantes trasladaranse ao monumento conmemorativo situado no monte veciñal de Eirón, onde a partir das 13h terá lugar unha ofrenda floral, lectura dun manifesto e interpretación do Himno Galego. Á actividade están convidadas tódalas comunidades de montes de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.