ADEGA e a PDCC presentan recursos no TSXG contra os eólicos promovidos pola ex conselleira Beatriz Mato

Sos os primeiros recursos a cargo do Fondo na Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica. As entidades promotoras recorren os complexos eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 20/01/2022 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), en representación de todas as entidades promotoras do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), veñen de presentar tres recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a aprobación por parte da Xunta doutros tantos parques eólicos promovidos por Greenalia, a empresa da ex-Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo | Fonte: Greenalia.

O financiamento dos tres procesos xudiciais farase con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e das súas entidades promotoras (ADEGA, SGO, PDCC, a  Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos). Son as primeiras iniciativas xudiciais relativas a proxectos concretos que se promoven a través deste Fondo, recadado a través de micromecenado ou “crowfunding”, que conqueriu reunir máis de 49.000€ nun tempo récord, superando o obxectivo inicial previsto de 40.000€. Tamén serían os primeiros recursos contencioso-administrativos con cargo ao FDXCC que se impulsan en Galicia.

Un dos principais obxectivos do FDXCC é o de promover accións legais no ámbito xudicial europeo, estatal e autonómico exemplificativas que contribúan a "defender a sociedade e a contorna ambiental dos territorios que atinxen á Cordilleira Cantábrica, fronte a actual avalancha de macroproxectos de enerxía eólica".

CAMPELO, BUSTELO E MONTE TOURAL

Os parques eólicos recorridos en contencioso son os denominados “Campelo”, “Bustelo” e “Monte Toural” que afectan os concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Sitúanse todos nunha mesma área xeográfica, arredor da Lagoa de Alcaián, e partillan accesos, liñas de evacuación e estación transformadora.

O Consello da Xunta de Galicia declarou aos tres en maio de 2018, e no mesmo acto administrativo, como “proxectos de interese especial". Esta categoría, recollida na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, coñecida como "Lei de depredación", implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución, alén de que automaticamente prevalece a utilidade pública dos parques eólicos sobre calquera outra. 

Un dos principais argumentos xurídicos que fundamentan a presentación destes recursos contencioso-administrativos é a existencia dunha clara fragmentación artificiosa dunha única instalación ou central eólica despezada en tres proxectos para non superaren individualmente os 50 MW e seren tramitados pola Xunta. As entidades demandantes sosteñen que o despece dun mesmo proxecto en varias partes pretende, ademais de vantaxes para o promotor, furtar unha correcta avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos das instalacións sobre hábitats, especies, paisaxes ou servizos ecosistémicos.

"É unha manobra fraudulenta da que a Xunta é cómplice e que prexudica o interese público e mesmo os intereses particulares: fragméntase tamén a posíbel oposición e lesiónase o exercicio dos dereitos cidadáns de información e participación pública", aseguran dende ADEGA e a Plataforma pola Defensa da Cordilleira Cantábrica.

Ademais da fragmentación artificial, sobre a que existe xurisprudencia recente do propio TSXG, as tres instalacións promovidas pola empresa da ex-conselleira Beatriz Mato sitúanse sobre unha área proposta en 2008 e 2011 para incorporarse á Rede Natura 2000, que acubilla ademais endemismos botánicos únicos. Trátase da Centaurea ultreiae Silva Pando, planta catalogada “en perigo crítico de extinción” e cuxa única poboación mundial se compón tan só de 6.821 individuos, todos nuns 10 Km cadrados sobre os que a Xunta vén de autorizar estes tres parques eólicos.

As entdades destacan que a Consellaría de Medio Ambiente "coñecía a presenza destes endemismos" a través do 'Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)'. Un documento, afirman, que aínda elaborado no 2010 para a protección destas especies, doce anos despois a Xunta aínda non aprobou. 

Dende ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica agardan que o TSXG "tome en consideración estes recursos" e aplique a súa propia recente xurisprudencia (parque eólico Sasdónigas I e II) para anular as autorizacións da Xunta. Ademas, agardan que estes recursos "sirvan de precedente na defensa dos espazos que foron propostos como parte da Rede Natura 2000 ou daqueles outros que acubillen singularidades ambientais de especial relevancia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta