Así está a enfermaría galega tras dous anos de COVID; perda de poder adquisitivo e emigración

O sector da enfermaría dentro do SERGAS reclama a mellora tanto en condicións como en salarios. Despois de dous anos de pandemia, para enfermeiras e enfermeiros a situación chegou a un punto de dicir “non hai máis”. Nin salarios nin contratacións son capaces de reter un grupo profesional a quen lle é máis doado encontrar traballo fóra que dentro de Galicia e mellor retribuído.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As enfermeiras e enfermeiros do SERGAS levan tempo reclamando tanto aumento salarial como melloras das condicións laborais. Coa pandemia, a falta de aumento nas retribucións salariais e de días de descanso así como unhas condicións contractuais e laborais dignas, convertéronse para unha parte do sector como unha falta de respecto e de recoñecemento por parte da Xunta, posuidora das competencias en sanidade en Galicia. Para sindicatos e organizacións profesionais de enfermaría, as melloras solicitadas son unha proba do que acontece dentro desta área laboral: falta de relevo xeracional nalgúns casos, quendas sen descansos suficientes, salarios baixos, contratacións insuficientes e o esgotamento físico e psicolóxico. Ao final as consecuencias son unha emigración de profesionais cualificados e a perda de calidade dentro dos servizos sanitarios públicos.

Equipos de respiración instalados nas UCI para facer fronte á covid-19
Equipos de respiración instalados nas UCI para facer fronte á covid-19 | Fonte: EFE.

TÁBOAS SALARIAIS

En 2008 a Consellería de Sanidade, daquela dirixida por María José Rubio durante o goberno bipartito da Xunta, publicábase a Orde de 4 de xuño de 2008 relativa a acordos sobre  ordenación e provisión de postos de traballo e condicións de traballo e retributivas no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde. Este acordo sería revisado en 2012, non obstante, desde 2009, coa entrada do PP na Xunta, o acordo de 2008 quedou en suspenso alegando unha situación económica excepcional. Xusto o ano que tocaría a revisión, 2012, a Xunta sacou a LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

“Desde 2012 hai unha perda de poder adquisitivo moi importante dentro do sector da enfermaría, cuns salarios de 1.200 ou 1.300 euros sen antigüidade” sinala Malules Carbajo do sindicato SATSE. “Hai anos que reivindicamos a mesma contía do complemento específico igual ao dos funcionarios da Xunta” apunta María Xosé Abuín, de CIG-Sanidade.

O salario percibido polos profesionais de enfermaría suma un soldo base, complemento de destino en base á titulación. Logo existe un complemento específico que retribúe un complemento específico para as especialidades do posto dentro da función pública autonómica (coñecemento, formación, perigosidade, penosidade) que “para a xente do SERGAS é entre 200 e 400 euros menos ao mes que o percibido por un funcionario da Xunta de Galicia”, sinala Abuín.

A área sanitaria de Santiago facilita aos pacientes illados por COVID-19 que realicen videollamadas á súa familia.. ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO
A área sanitaria de Santiago facilita aos pacientes illados por COVID-19 que realicen videollamadas á súa familia.. ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO

Javier González de CC.OO, sinala que “desde 2012 non tivemos subas por parte da Xunta, este ano hai unha suba aos funcionarios do 2%, isto aplícase a todos os funcionarios por ser unha suba ordenada polo Goberno central”. O motivo da falta de subas desde a administración autonómica “foi a crise económica” sinala González. As subas que se ían implementar durante o período 2008-2012 deixaron de aplicarse ademais da redución nas pagas extra aínda sen recuperar.

RETRIBUÍR O ESFORZO NA COVID

Logo de dous anos enfrontándose á COVID, o servizo de enfermaría tanto en Atención Primaria como en Hospitalización, consideran necesario unha compensación ante o sobreesforzo realizado polas profesionais do sector, mesmo en condicións tan apuradas como a falta de EPIs, o risco de contaxio, as dobres quendas e quendas nocturnas ás veces superando as doce horas, fins de semanas e festivos traballando. “Xunto cos demais profesionais da sanidade estivemos en primeira liña, ás veces con descansos só de tres días e baixo unhas condicións draconianas e sen salarios decentes” sinala Carbajo do SATSE. A situación vólvese máis apurada cando “desde hai dezaoito anos temos un problema coa falta de substitución de facultativos e enfermeiras xubiladas, cuxo número vai en aumento” e para o que non hai un relevo suficiente.

Enumerando algo máis polo miúdo, algúns condicionantes na carreira profesional de enfermaría  son “as rotacións, quendas, fins de semana, noites, domingos e festivos que temos que cubrir, comparemos iso co traballo de luns a venres dun funcionario” remarca Abuín. Todo isto son para a representante da CIG argumentos suficientes para a mellora en salarios ou en retribucións que compensen os sobreesforzos dos profesionais.

“Noutras comunidades houbo compensacións, en Galicia xa nos dixeron que de cartos nada, só conseguimos días libres, un máximo de tres por persoa e para a época máis dura da pandemia” di Javier González. Os días libres tampouco se libraron da polémica porque “en días libres descontan o 50% do salario e en enfermaría iso faise desde o primeiro minuto” di Abuín. Concretando máis, houbo seccións como UCI onde si se respectaron os tres días “mais houbo centros de saúde onde só deron un ou directamente ningún en Atención Primaria” di González. Houbo unha puntuación extraordinaria por dispoñibilidade durante o máis duro da pandemia “iso foi o que conseguimos”.

NOVOS CADROS SALARIAIS

Con data 20 de xaneiro de 2022, o DOG publicaba a “ORDE do 19 de xaneiro de 2022 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2022”. No seu artigo único, e concretamente na instrución quinta, “Contía das retribucións do persoal ao servizo do Servizo Galego de Saúde e  das institucións sanitarias”, aparecen os diferentes cadros salariais segundo categorías. Segundo os cálculos da CIG, as enfermeiras de hospital no ANEXO IV páxina 3135, as enfermeiras de unidade de hospitalización teñen unha retribución polo denominado “complemento específico” de 283,56€ máis 150,70 por produtividade. O complemento específico do funcionario nivel 22 (o mesmo que enfermeira de unidade de hospitalización) é de 693€. A diferenza é de case 260€.

As políticas públicas de sanidade da actual Xunta de Galicia están, segundo representantes dos traballadores, fomentando a fuga de cadros a outros lugares (lugares como os Países Baixos poden dobrar o que se cobra en Galicia), a falta de relevo xeracional sen que haxa políticas activas para a renovación de cadros e unha sobresaturación en Atención Primaria baixo condicións salariais que non se foron incrementando desde 2012, dez anos.


Sanitarias do hospital Povisa con pantallas protectoras doadas polo proxecto Escudocovid-19, coordinado en Galicia por Asime e a Universidade de Vigo.. ASIME
Sanitarias do hospital Povisa con pantallas protectoras doadas polo proxecto Escudocovid-19, coordinado en Galicia por Asime e a Universidade de Vigo.. ASIME
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta