Denuncian o "crecente estado de crispación" en centros de saúde, mesmo con agresións ao persoal

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo fan un chamamento ao uso das follas de reclamacións ante a precaria atención dunha sanidade "desmantelada".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Tras moitos meses de pandemia e cunha Atención Primaria en situación de "precariedade", os centros de saúde están vivindo un "crecente estado de crispación" que chega a manifestarse en episodios de agresións verbais e mesmo físicas ao persoal sanitario. Esta é a "preocupación" que veñen de facer pública desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, a raíz do último "acto violento" por parte duns pacientes no centro de saúde de Baltar. 

Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense
Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

"Neste espazo, case todas as semanas o persoal ten que soportar, polo menos, un episodio de agresións verbais ou físicas, ou rotura de inmobiliario", indica a Plataforma nun comunidado de repulsa ante a crecente crispación observada. Neste texto fan un chamamento ás persoas descontentas co servizo prestado para que "poñan as correspondentes follas de reclamacións ante a Xerencia, o Sergas ou incluso ante o Valedor do Pobo". "Tanto o protocolo sanitario como a dotación de recursos para que a sanidade pública teña unha calidade acorde ao que as pacientes necesitamos é competencia e responsabilidade do Sergas e da xerencia da área sanitaria correspondente", lembran. 

A Plataforma sitúa a causa desta crispación por parte de pacientes no "desmantelamento" da Atención Primaria que vén producíndose dende hai "máis dunha década" e que provoca, sobre todo durante a pandemia, que as "debilidades" do sistema sanitario afloren dun xeito máis evidente. "O malestar é xeneralizado, tanto do persoal sanitario como das persoas usuarias, polo que animamos a poñer follas de reclamacións cando cheguen ao seu centro de saúde e só atendan urxencias en horario ordinario, cando os deriven a outro centro por falta de persoal, cando lles falte persoal de pediatría e de enfermaría, cando lles dean unha cita para dentro de 15 días, cando consideren que non recibiron a atención adecuada...", sinalan no comunicado. 

Por último, a Plataforma pide "non malgastar as forzas en enfrontarnos entre nós", por moito que dende a clase política se "desprestixie a aquelas persoas que coidan da nosa saúde". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta