Expourense presenta en FITUR as súas dúas grandes feiras: Termatalia e Xantar

Termatalia volve como evento presencial entre o 29 e o 30 de setembro e Xantar celebrarase entre o 9 e o 13 de novembro.

Por X.M. Fernández | Ourense | 22/01/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Expourense chegou este ano a FITUR para dar a coñecer e convidar ao público ás súas dúas grandes feiras internacionais, Xantar e Termatalia, eventos que converten a provincia de Ourense e a Galicia na única provincia e na única comunidade que celebra no mesmo ano dúas feiras internacionais relacionadas co turismo.

Presentación de Xantar e Termatalia en FITUR. Foto: Prensa Expourense.
Presentación de Xantar e Termatalia en FITUR. Foto: Prensa Expourense.

Ademais, as dúas citas enmárcanse no marco do ‘dobre Ano Santo’, o Xacobeo 2021-2022, e será a primeira edición que se realice tras a chegada do AVE a Galicia, un feito que facilitará e incentivará a chegada de visitantes internacionais a Ourense dende Madrid.

A presentación destas dúas feiras tivo lugar o pasado xoves, 20 de xaneiro, no stand de Turismo de Galicia de FITUR, e as presentación correron a cargo do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. No acto estivo acompañado de distintos representantes relacionados cos sectores implicados, o turismo termal e o enogastronómico.

Termatalia presentou a que será a súa 20ª edición despois de tres anos sen poder celebrarse por mor da pandemia. A Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar volverá no 2022 no seu formato presencial e terá lugar do 29 ao 30 de setembro.

Xantar, pola súa banda, presentou a súa 23ª edición, marcada pola chegada do AVE, un atractivo engadido para achegarse da capital a Ourense. Terá lugar entre o 9 e o 13 de novembro, un mes marcado en Galicia e na cidade das Burgas polas celebracións dos Magostos e do San Martiño. A continuidade estratéxica do Ano Santo Xacobeo volverá ser o fío condutor dándolle protagonismo á gastronomía dos Camiños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta