Masiva manifestación do mundo rural de todo o Estado: "Póñennos cambadelas"

O secretario xeral de Unións Agrarias pide "reforzar os servizos públicos" para os pobos e "evitar criminalizar as explotacións familiares".

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 23/01/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

Miles de persoas maniféstanse este domingo 23 de xaneiro en Madrid --6.000, segundo indicaron fontes da Delegación do Goberno ás 13:30 horas, e "miles" segundo os organizadores-- contra as leis que poñen "cambadelas" ao mundo rural.

Manifestación en defensa do campo e do mundo rural, en Madrid, a 23 de xaneiro de 2022
Manifestación en defensa do campo e do mundo rural, en Madrid, a 23 de xaneiro de 2022 | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.

A manifestación, convocada pola asociación para o Desenvolvemento e Defensa do Mundo Rural, Alma Rural, partiu ás 12:00 horas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico (MITECO) con destino ao Ministerio de Agricultura. Os manifestantes estaban acompañados na súa marcha por 40 tractores, 50 cabalos, varios carros de bois e burros. Entre os participantes estaban sindicatos galegos, como Unións Agrarias.

"Reivindicamos poder seguir vivindo nas nosas vilas, con rendas dignas que nos permitan abastecer á poboación con produtos de extrema calidade e ter uns dereitos sanitarios e educativos como o resto de galegos e españois", destacou o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

García afirma que queren "seguir coidando o territorio e o medio ambiente", pero apunta que para iso "é necesario reforzar o investimento en servizos públicos, recortados durante a crise económica", así como "evitar a criminalización das explotacións familiares que coidan dos animais, garantindo o seu benestar".

O sindicato galego pon ademais o foco no cumprimento da lei de cadea, "que impide que ningún intermediario pague por baixo do que custa producir". Cun labor que lles obriga a "traballar os 365 días do ano", solicitan "ter ingresos para vivir dignamente". "Estou seguro de que a inmensa maioría dos españois está convencida de que nolo merecemos", conclúe o secretario xeral de Unións Agrarias.

"CAMBIAR AS POLÍTICAS AGRARIAS"

"Pedimos que se cambien as políticas agrarias, gandeiras e ambientais que nos están prexudicando, son leis que veñen dunha ideoloxía posiblemente radical e tamén orientada a unha formulación que non ten nada que ver coa vida no campo. É coma se castigásemos continuamente as persoas que nos traen a comida a casa", denunciou o secretario xeral de Alma Rural, Carlos Bueno.

Segundo precisou, despois de que os gandeiros, agricultores e todos os traballadores do mundo rural están "a alimentar a cidade", agora atópanse "cambadelas".

Por iso, con esta marcha queren "dar visibilidade" aos problemas do mundo rural. "A agricultura está a piques de morrer, están a entrar produtos doutros países mentres que os nosos están a quedarse nas árbores", lamentou o secretario xeral de Alma Rural.

A gandaría tamén se ve afectada por moitos problemas, segundo denunciou, como "os ataques do lobo". "O lobo mata diariamente 60 reses, 21.000 ao ano, son máis de 9 millóns de euros que está a soportar o propio gandeiro", subliñou.

Tamén puxo de manifesto a situación dos produtores de leite que "están a traballar por baixo do custo" ou da pesca de litoral que "deixa de ser rendible" porque cada vez hai menos cota e teñen que ir pescar máis lonxe. Fronte a estas circunstancias, pediu "protexer o produtor".

NON COMPARAR MASCOTAS CON ANIMAIS DE PRODUCIÓN

Os manifestantes tamén criticaron a Lei de Benestar Animal que tachan de "desproporcionada" e "non ten nada que ver coa vida no campo". "Nós somos os primeiros que consideramos aos animais parte da familia, pero non podemos comparar o cabalo co can de caza ou o can pastor", sinalou.

Así o defendeu tamén o presidente da asociación galega de Caza Maior e membro da directiva de Alma Rural, Francisco Chan, para quen a Lei nacional de protección animal é "unha barbaridade".

"Comprendemos que hai que ter un control de natalidade (dos animais) adecuado, pero é un problema de cidade, de superpoboacións de animais en cidades, nós temos os nosos animais de produción", precisou, engadindo que xa existen leis suficientes nas comunidades autónomas nas que "se diferencia entre animais que nos comemos e aos que acariñamos".

Chan denunciou a "situación terrible e crítica" na que se atopa o mundo rural e criticou que "nin este Goberno nin os anteriores xamais se preocuparon pola "autarquía alimentaria".

"A caza, a pesca, os agricultores, os gandeiros... deixaron de traballar hoxe para que Madrid, para que o cidadán urbano cuxo pai, ata hai dous días, era agricultor, lembre que se o campo non produce, a cidadanía non come", advertiu Chan.

NON CAER EN BROMAS DE MAL GUSTO SOBRE A CARNE

Tamén pediu "non caer nas bromas de mal gusto sobre a carne", en referencia á polémica do ministro de Consumo, Alberto Garzón. "Iso, a día de hoxe, xa é o de menos, hai familias que se están arruinando, os seus rabaños non queren que se reproduzan porque lles dan gastos", advertiu.

Para Chan, aos gandeiros, agricultores, cazadores e pescadores estáselles "tentando expulsar como sector, como aos indíxenas americanos das súas terras".

Por todo iso, os organizadores da manifestación piden ao Goberno que se lles teña en conta á hora de redactar as leis que afectan o mundo rural.

Igualmente, o secretario da asociación Galega de Cetreros e Criadores de Aves Rapaces pediu que se lles escoite a eles e "non só aos animalistas". "Queren prohibirnos a tenencia, esterilizar todos os paxaros, queren prohibir os nosos dereitos pensando na súa ideoloxía", criticou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta