A Xunta dá marcha atrás á Sogama de Manuel Fraga ante a saturación do sistema

A administración ábrese a descentralizar a xestión dos residuos galegos logo de máis de dúas décadas derivando lixo a vertedoiros polo desbordamento da planta de Cerceda. O xiro, propiciado pola normativa europea, implicará a construción de tres puntos de compostaxe orgánica en Verín, Cervo e Vilanova de Arousa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En 2003 o entón presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga anunciou a construción da Cidade da Cultura, un proxecto millonario que estaba chamado a ser o seu mausoleo político. Pero sobre a xeografía galega hai un monumento aínda máis voluminoso e que queda, realmente, como pegada do paso do ex-ministro franquista por San Caetano: o Centro Medioambiental de Cerceda, sede central de Sogama.

Complexo Ambiental de Cerceda
Complexo Ambiental de Cerceda | Fonte: Sogama.

Foi o primeiro executivo de Don Manuel o que, por 1992, tomou a decisión de centralizar o tratamento de lixo de toda a comunidade galega nun único punto do territorio. A iniciativa nacía para encaixar na lei os múltiples vertidos irregulares que afloraban no territorio, pero non tardou en revelarse como un plan con múltiples fisuras.

Primeiro porque o propio Complexo Medioambiental, situado na parroquia de Morzós, demorouse até o ano 2000. Catro anos antes, o concello de Cerceda comezara xa a recibir os residuos da práctica totalidade do territorio galego sen ter unha forma de tratalos. Naceu así o macrovertedoiro da Areosa, denunciado por múltiples filtracións tóxicas aos ríos veciños.

O vertedoiro mantense activo 25 anos despois porque a planta central de Sogama segue sen dar abasto ao lixo dos 295 concellos adheridos ao plan (un 94% do total, segundo a propia empresa). E iso que esta corporación posuída nun 51% pola Xunta e un 49% por Naturgy, a antiga Fenosa, apenas recicla: o funcionamento de Sogama pasa, máis ben, por queimar a maior parte das toneladas entrantes, un 55%, de acordo cos últimos datos.

Esta insuficiencia vén obrigando á empresa a derivar boa parte dos residuos do Complexo ao vertedoiro veciño da Areosa e outros espazos en mans privadas. Pero, agora, unha normativa da Unión Europea ameaza con facer recuar á Xunta na súa defensa do modelo. A Consellería de Medio Ambiente, de feito, está traballando xa nunha diseminación da actividade industrial de Sogama que botará por terra o legado ‘ambiental’ de Don Manuel.

PLANTAS EN VERÍN, CERVO E VILANOVA

En 2018 a Unión Europea actualizou a súa regulación para obrigar aos países membros a facer unha recollida separada da materia orgánica antes de 2024. Catro anos máis tarde, a Xunta mobiliza 38 millóns de euros para lanzar un plan que cumpra a nova lexislación: Galicia contará, en menos de dous anos, con tres novas plantas de “biorresiduos”, ás que se unirán outras 13 estacións de transferencia repartidas polo territorio. O executivo autonómico atópase agora nos trámites para construír eses tres núcleos, proxectados en Vilanova de Arousa, Verín e Cervo, que virán a complementar as instalacións específicas que xa funcionan en Cerceda.

O modelo descentralizado polo que agora se inclina a Xunta configúrase como un “xiro” con respecto ás actuación anteriores, de acordo con Luís Bará (BNG), un dos deputados autonómicos máis activos no exame da xestión residual. “Pensamos que este anuncio é un simulacro, non unha verdadeira aposta polo tratamento correcto dos biorresiduos”, explica o parlamentario, que asegura que as plantas son “insuficientes” e “non darán para tratar” todo o material entrante.

De acordo con datos da propia Sogama, as tres novas instalacións proxectadas servirían para aumentar nun 240% a capacidade de compostaxe, pasando de 15.000 ton. a 36.000 do conxunto. Pero a planta de Morzós --que funciona dende 2020-- non deu probas, até o momento, dun funcionamento eficiente. Un ano despois da súa posta en marcha, a Xunta recoñeceu que non saíra “ningunha cantidade de compost” das instalacións. Na memoria anual de Sogama de 2020, pola súa banda, cífrase en apenas 1.700 toneladas a materia entrante a este recinto; un número que pode semellar desorbitada pero supón apenas un 0’19% do conxunto do Centro Medioambiental.

A interrogante queda entón en por que a Xunta inviste 38 millóns de euros para aliviar a carga dunha planta inactiva. A Directora xeral de Calidade Ambiental, María Sagrario Pérez Castellanos, apuntou no seu momento a que só tres concellos estaban enviando os seus residuos á zona, unha cifra que deberá aumentar conforme se achegue o horizonte marcado pola UE. Galicia Confidencial inquiriu á Xunta o número actual, sen recibir resposta. Pero, tamén, a descentralización podería obedecer a unha estratexia para reducir a presión da planta central de Cerceda, saturada con máis lixo do que pode queimar.

O PROBLEMA ORGÁNICO

A compostaxe de biorresiduos atinxe exclusivamente á materia orgánica. Aínda que Sogama non dá datos concretos das entradas orgánicas, as cifras dispoñibles dan para pensar nun volume considerable. En 2020, o 96% da materia recibida correspondeuse coa ‘bolsa negra’, onde van contidos estes materiais degradables. O lixo orgánico configúrase así como un piar central da saturación da planta de Morzós e que agora podería resultar repartido por distintos puntos do territorio.

A Xunta xa incidiu en que o proceso de compostaxe se realizaría en cada unha destas catro plantas repartidas polo territorio, incidindo tamén no proceso que se seguirá para lograr abonos de uso agrícola. O que non concreta é que acontecerá cos materiais que rematen nesas plantas pero non sexan compostables. Sogama limítase a sinalar que serán “valorizados” mediante a queima ou de forma “material”, posibilidade esta última que abre a porta a novos vertedoiros.

No pasado, a compañía xa foi cuestionada por un uso “irregular” dos seus depósitos. A plataforma Salvemos a Comarca de Ordes denunciou anos atrás que o vertedoiro do Areosa --deseñado para residuos non perigosos-- estaba a recibir material sanitario cando a lei obriga a sometelo á incineración. O tempo dirá se das plantas de Cervo, Vilanova e Verín non agroman novos vertedoiros orgánicos. Se os hai, a eles irá parar tamén o legado residual de Don Manuel, sepultado entre mondas de pataca e algunha que outra cousa podre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta