O novo desafío científico que propón Galiciencia tratará de involucrar aos cativos na economía circular

Alumnado de 10 a 18 anos de toda Galicia pode participar no desafío científico 'Atrévete coa Economía Circular!'. O 18 de febreiro remata o prazo para inscribirse no primeiro reto deste desafío.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2022 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

'Atrévete coa Economía Circular!' é o nome baixo o que a 17ª edición de Galiciencia, a maior feira científica da na nosa comunidade, vén de convocar o seu desafío científico- iniciativa independente do tradicional concurso de proxectos.  No desafío científico poderán participar pequenos grupos cun máximo de tres integrantes de entre 10 e 18 anos, aínda que tamén se pode realizar de xeito individual. 

Taller de Galiciencia
Taller de Galiciencia | Fonte: Galiciencia

'Atrévete coa Economía Circular!' é un desafío que consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da súa páxina web, remata o 18 de febreiro.

Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online. No desafío final competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría na anterior fase.

A finalidade desta proposta é inculcar no estudantado a idea de que “existe unha forma de producir, de consumir e de organizarnos máis sostible, viable e respectuosa co medio. Nesta liña, a economía circular é un modelo de produción e consumo que implica compartir, arrendar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar os materiais e productos existentes durante o maior tempo posible” -destacan desde Galiciencia-.

Galiciencia é a maior feira científica da na nosa comunidade, promovida polo Parque

Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación). Esta 17ª edición celebrarase no mes de maio de xeito presencial, coa “Economía Circular” como lema.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta