O 40% dos ingresos de pacientes con covid prodúcense por outras patoloxías prevalentes

O 42% de críticos forma parte do 6% sen vacinar e "pode ocorrer" que haxa UCIs con "o 100%" de casos de non vacinados, segundo Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou este xoves de que o ingreso do 40% de pacientes hospitalizados en Galicia con covid-19 trae causa dunha patoloxía prevalente que non ten que ver co virus, que en moitas ocasións é detectado en paralelo.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que se celebrou en Ferrol, o presidente aludiu a que ese 40% de ingresos non son "por covid" se non "con covid". É dicir, éntrase nunha unidade de hospitalización por outra enfermidade e diagnostícase á vez o contaxio coas probas protocolarias nos centros sanitarios. Como exemplo, referiuse a pacientes oncolóxicos ou cun ictus, pero tamén aludiu ás áreas de trauma, con pacientes que sofren un accidente de tráfico e que resultan ser positivos no virus.

Na súa intervención, recalcou que Galicia se mantén como a Comunidade con menor ocupación hospitalaria de España, á vez que vai na cabeza no proceso de vacinación. Reafírmase tamén en que a ómicron é unha variante con "máis contaxiosidade" pero menor gravidade. É nesta conxuntura na que, insistiu, o comité clínico avalou esta semana a posibilidade de baixar as corentenas "de sete a cinco días" sempre que os pacientes non teñan síntomas e "se cumpran unha serie de condicións" concretadas por este órgano de persoas expertas, que non enumerou.

A "IMPORTANCIA" DE VACINARSE

Ante a retirada inminente prevista para este fin de semana das restricións activadas antes de Fin de Ano, o presidente apelou á "responsabilidade individual" e tamén puxo o foco na importancia de vacinarse, un paso que animou a dar á xente que, "a maioría con boa fe", poida pensar que "é o mesmo" facelo ou non. A modo de argumento e como xa fixeron os membros do Executivo autonómico noutras ocasións, esgrimiu que, dos 48 pacientes con covid ingresados en UCI (unha ocupación das máis baixas do país), moitos son persoas sen vacinar.

En concreto, Feijóo precisou que o 42% dos pacientes críticos forman parte do 6% de poboación galega que non participou do proceso de inmunización mediante a vacina. "E pode ocorrer que o 100% de persoas ingresadas nunha UCI dun hospital sexan persoas non vacinadas", engadiu.

Un sanitario ao redor dun paciente ingresado na UCI.. Eduardo Parra - Europa Press
Un sanitario ao redor dun paciente ingresado na UCI.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta