Pontón volve pedir ao Goberno "cumprir" coa cidadanía e derrogar "integramente" a reforma laboral

Advirte a "precariedade" do mercado laboral e as dificultades para acceder á vivenda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou este xoves que "non se poden perder de vista dous problemas", por unha banda "os 200.000 mozos que se marcharon de Galicia" e "a precariedade do mercado laboral", que "condena ás mulleres e aos máis novos".
Ademais, sinalou as dificultades do acceso á vivenda, tamén como consecuencia dun elevado custo fronte aos salarios, especialmente dos máis novos.

Nunha entrevista na TVG, que recolle o BNG nun comunicado, Pontón apuntou que o contexto actual é o dunha situación "nunca vivida" antes, no que "aprendemos a convivir co virus e iso fai que se recupere a actividade económica".

Respecto da reforma laboral, a dirixente nacionalista incidiu en que coa actual proposta de decreto que cualifica de "decepcionante", despedir "é igual de barato". "E o que pedimos a PSOE e a Podemos é que cumpra o que prometeu á cidadanía, a derrogación íntegra da reforma laboral do PP", reclamou, antes de esixir que "teñen que rectificar e cumprir o seu compromiso coa cidadanía".

Sobre a situación da sanidade, Pontón sinalou que o sistema sanitario público "está a alertar que está ao límite". "A cuestión de fondo é que Feijóo ten unha folla de ruta de recortar a sanidade pública e beneficiar a privada", denunciou, para indicar que "hai que recuperar as xerencias de primaria e acabar coa precariedade laboral".

SANIDADE E VIVENDA

Pontón tamén denunciou que Galicia "está á cola en atención primaria". "Dedicamos o 12 por cento do orzamento e debería ser como mínimo o dobre para incoporar máis médicos e profesionais, como os de fisioterapia".

Sobre a posición do BNG acerca da lei de vivenda, Pontón apuntou que "o que falla é que a competencia en materia de vivenda está transferida ás comunidades autónomas e neste ámbito, Feijóo beneficiou os intereses ao sector da construción".

Así mesmo, referiuse a a proposta de crear unha tarifa eléctrica galega e que "así" os galegos "poidan beneficiarse dunha riqueza eléctrica, como pasa nos países da contorna".

NON Á GUERRA E TANXUGUEIRAS

Sobre a crise de Ucraína, defendeu que o deputado Néstor Rego dixo no Congreso que esta situación "obedecía á política expansionista/imperialista" dos Estados Unidos e que a postura da formación nacionalista é "Non á guerra" e que "o que hai que mobilizar é á diplomacia e non ás tropas".

Doutra banda, e despois da primeira semifinal do festival de Benidorm do que sairá a canción que representará a España no festival de Eurovisión, Pontón destacou o labor por "a normalización da lingua" e polas "mulleres" e subliñou que demostran o "orgullo de ser galego".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na entrevista na TVG. BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na entrevista na TVG. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta