Pobreza farmacéutica, outra realidade para os que menos teñen

A pobreza farmacéutica é unha das mil caras da falta de recursos. Aínda co financiamento da Seguridade Social, moitas veces o copago das menciñas fai difícil o acceso ás mesmas. A isto súmaselle a alta incidencia deste tipo de pobreza sobre as mullerers e que as solucións deberan pasar por un maior apoio público.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A falta de medios económicos suficientes tradúcese tamén en falta de recursos médicos para afrontar doenzas en sectores economicamente débiles. Así, entre as 240.000 persoas que se estima viven en condicións de pobreza en Galicia, a incidencia de doenzas respiratorias aumenta ao viviren en vivendas insalubres con humidade e outras deficiencias. Por outra parte, persoas con enfermidades que necesitan de medicamentos moi específicos e caros, ás veces non poden pagar os custes debido a unha situación de baixa prolongada e recibiren o 60% do salario, ademais do copago do remedio. Casos así, e tamén de familias enteiras con todos os membros en situación de desemprego, poden ver moi complicado darlle o tratamento debido a determinadas enfermidades.

Un farmacéutico mostra unha das máscaras que se venden na súa farmacia durante o segundo mes de confinamento, en Madrid (España) a 20 de abril de 2020.. Marta Fernández Xara - Europa Press
Un farmacéutico mostra unha das máscaras que se venden na súa farmacia durante o segundo mes de confinamento, en Madrid (España) a 20 de abril de 2020.. Marta Fernández Xara - Europa Press

UNHA BREVE OBSERVACIÓN

É difícil coñecer cunha mínima seguridade cal é o grao de afectación da pobreza farmacéutica en Galicia. Alén diso, parte das fontes consultadas si que indican un aumento de persoas con dificultades para acceder aos seus medicamentos. Desde o Colexio Oficial de Farmacia da Coruña (COFC) apuntan que “dentro dalgúns contextos como en 2010 coa crise económia, no 2012 que houbo un desfinanciamento de menciñas cubertas pola Seguridade Social (SS) e agora coa pandemia, hai colexiados que si nos transmiten o incremento de persoas con dificultade para o acceso a medicamentos”.

“Sabemos dun caso en que unha persoa cunha baixa prolongada por cancro  non podía pagar as súas menciñas debido ao elevado custe, ao copago e á redución salarial por baixa” din desde EAPN Galicia. Ademais debemos sumar que determinadas doenzas ou intervencións non están cubertas pola SS, como son moitas intervencións bucodentais.

A pandemia de COVID fixo máis visible esta situación relacionada coa saúde das persoas. Non obstante, denominala pobreza farmacéutica é unha maneira de compartimentar a pobreza. Isto fai que se concreten axudas a determinadas áreas nas coberturas sociais para demostrar que si se está facendo algo, segundo algúns traballadores sociais que non facilitaron o seu nome.

Medicamentos nunha farmacia
Medicamentos nunha farmacia | Fonte: Europa Press.

ROSTROS

Quen sofre esta deficiencia no sistema de cobertura da SS? “Desde o desfinanciamento dalgúns produtos o número de pensionistas con dificultade para o acceso á medicación aumentou e tamén se dan numerosos casos de parellas novas en situación de desemprego” apuntan do COFC. Á parte estarían as enfermidades raras e máis graves, caso do cancro e outras.

Se en Galicia, segundo EAPN, existen 240.000 persoas vivindo en situación de pobreza, isto aumenta o risco de enfermidade. “Están as respiratorias polas condicións insalubres de moitas vivendas, está a dieta, que moitas veces se compón de produtos ultraprocesados e máis baratos”. Estes dous casos fan aumentar o gasto en remedios como tratamentos para enfermidades do pulmón ou por risco de infarto.

Mais o realmente destacable é que “detrás da pobreza farmacéutica hai unha compoñente de xénero brutal” segundo EAPN. Esa compoñente de xénero afunde as súas raíces na mesma historia da investigación, pois os ensaios clínicos tiveron durante moito tempo como referente a fisioloxía masculina. “Outra proba está na dificultade de acceso a produtos relacionados coa menstruación ou a endiometrose, isto agrava a situación da muller”.

POSIBLES SOLUCIÓNS

O COFC sinala con total convicción: “o investimento en menciñas, en farmacéutica, é un investimento para o control das enfermidades, por iso a necesidade de recursos públicos para garantir acceso aos mesmos”. Durante a crise pandémica “si se lograron algúns avances como eliminar o IVE das máscaras, rebaixas en produtos para a prevención da COVID e tamén unha redución do número de persoas que non fan copago”.

EAPN sinala a necesidade de buscar máis apoios institucionais de cara a ter un maior abano de políticas sociais, claramente para cubrir o gasto sanitario, polo menos en Galicia, dun 30% da poboación. Aínda así, apuntan tratar a pobreza como un todo buscando as causas da mesma para darlle solución. Entre as solucións que buscou EAPN e outras ONG están a creación dunha tarxeta cunha cantidade limitada para mercar alimentos, menciñas e gastos do fogar. Tamén se asinaron acordos con organismos públicos para achegar recursos económicos que, dalgunha maneira, permitan saír desta situación ao maior número posible de persoas.

Desde a Consellería de Política Social sinala que as persoas beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e das Pensións non Contributivas (PNCs), por tratarse de persoas en situación de necesidade e con carencia de recursos económicos de subsistencia contan con asistencia médico-farmacéutica gratuíta, “é dicir, non teñen que aboar a parte dos medicamentos correspondente ao copago”.

O departamento que dirixe Fabiola García tamén apunta a existencia de Axudas de Inclusión Social “específicamente destinadas a facer fronte á atención sanitaria e sociosanitaria non cubertas polos sistemas públicos de saúde e de servizos sociais”. Por último, a Xunta de Galicia, en colaboración coa Cruz Vermella Española en Galicia, “ten posto en marcha un programa extraordinario de axudas económicas para a cobertura de necesidades básicas á poboación en situación de vulnerabilidade ocasionada pola COVID-19, a Tarxeta Básica”.

A pobreza farmacéutica é outro dos síntomas que padece o sector social menos favorecido. Esta situación agrava as posibilidades de recuperación ou mellora na calidade de vida das persoas pobres. A solución está na man das autoridades públicas quen son as responsables das políticas sociais e sanitarias universais.

Imaxe de arquivo dunha oficina de farmacia.. ARQUIVO
Imaxe de arquivo dunha oficina de farmacia.. ARQUIVO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta