Galicia perde o 1,13% das súas empresas en 2020, e ten taxa negativa por primeira vez en cinco anos

A industria perdeu o 4,40% das súas empresas en 2020, mentres que a construción o 4,67%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2022 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O número de empresas con actividade económica en Galicia diminuíu un 1,13% en 2020, un dato negativo que se rexistra por primeira vez en cinco anos, segundo os indicadores de demografía empresarial publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa Press.

Así, estes datos sinalan que o ano 2020 comezou con 210.789 compañías en Galicia, un 0,25% máis que en 2019. Con todo, a taxa de nacemento de empresas (cociente entre as creadas e as existentes a principio de ano) foi do 9,72%.

Doutra banda, a taxa de mortes empresariais (cociente entre as empresas que desapareceron e as existentes a principio de ano) foi do 10,85%. Como resultado, a taxa de crecemento foi negativa, do -1,13%. Desta maneira, Galicia pecharía o ano con algo máis de 208.400 compañías.

Esta taxa negativa rompe cun refacho de cinco anos seguidos con taxas netas positivas de crecemento do número de empresas en Galicia, nun ano marcado pola crise do coronavirus. Por sectores económicos, a industria perdeu o 4,40% das súas empresas en 2020, mentres que a construción o 4,67%. Foi o sector servizos o que aguantou mellor o ano, baixando un 0,19%.

En canto ao tamaño das empresas, un 1,20% das microempresas desapareceron, mentres que as pequenas empresas creceron en 2020 un 0,51%, as medianas empresas aumentaron un 0,07%, e as grandes empresas baixaron en Galicia en 2020 un 0,86%.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visita a empresa de biomasa Biegal en Mondoñedo (Lugo). XUNTA
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visita a empresa de biomasa Biegal en Mondoñedo (Lugo). XUNTA

EXPORTACIÓNS

Por outra banda, o prezo das exportacións galegas creceu un 9,45% entre novembro de 2020 e novembro de 2021, mentres que o das importacións subiu un 8,73%, segundo os índices de valor unitario publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, produciuse un aumento interanual do 1,9% nos prezos das exportacións de bens de consumo. Pola súa banda, os bens intermedios creceron un 24,04%, mentres que os prezos dos bens de capital baixaron un 0,68% e os de bens non enerxéticos un 7,67%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta