A Covid cébase coas garderías e deixa familias enteiras contaxiadas

Pais e nais denuncian "caos" e "saturación" das liñas de atención do Sergas e problemas para poder pedir baixas laborais. Desde a Xunta din que os novos protocolos postos en marcha "están funcionando ben".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As aulas pechadas nas gardarías --de 0 a 3 anos-- e nos colexios e centros educativos non universitarios duplicáronse nunha semana, o que significa que superaron o 20 por cento ou o cinco casos acumulados a sete días na mesma actividade.

Comezo do curso escolar en infantil e primaria no CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela, Lugo. CARLOS CASTRO
Comezo do curso escolar en infantil e primaria no CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela, Lugo. CARLOS CASTRO | Fonte: EUROPA PRESS

Unha situación que supón un salto cualitativo moi importante en número de contaxios. De feito, segundo fontes médicas consultadas por GC, garderías e colexios son agora un dos principais focos de contaxio da covid en Galicia. Unha situación que se agrava debido a que moitas crianzas aínda non teñen a dose completa de vacinación, e os menores de cinco, ningunha. 

Segundo os datos facilitados polas consellerías de Política Social e de Cultura e Educación, nas gardarías incrementouse o número de casos nun 61,72 por cento. Actualmente hai 17 aulas de infantil pechadas, fronte ás 9 que se rexistraron no parte da semana pasada. Con 117 casos, a área da Coruña é a máis afectada, seguida dos 108 de Vigo; os 65 de Santiago-Barbanza; os 55 de Pontevedra; os 45 de Lugo; os 42 de Ourense; e os 37 de Ferrol. Ademais, segundo a información actualizada, hai dous centros pechados ao completo: a escola infantil municipal A Rolada, de San Sadurniño; e o punto de atención á infancia de Touro, ambos na provincia da Coruña.

CRÍTICAS AOS NOVOS PROTOCOLOS

O novo protocolo introduce o concepto de contorna, que se aplica tanto á mesma aula, como ao mesma quenda de comedor, ao usuarios dunha liña escolar e ás actividades extraescolares realizadas nos centros. Para todas as persoas que participan en cada un destes ámbitos, aplícase o protocolo de aulas, é dicir, a partir de cinco casos ou o 20 por cento.

Uns alumnos dunha escola infantil galega proban o botón de emerxencia instalado en caso de indisposición do profesor. LUÍS POLO
Uns alumnos dunha escola infantil galega proban o botón de emerxencia instalado en caso de indisposición do profesor. LUÍS POLO | Fonte: XUNTA

Precisamente, isto fai que algúns centros non informen de contaxios nos centros ata superar os cinco casos o que provoca que, cando se dea o aviso, haxa xa máis contaxiados xa que a crianza infecta a toda a súa familia. De feito, hai un incremento de casos de contaxios familiares nos últimos días, con todos ou case todos os integrantes dunha unidade familiar infectados de Covid.

SATURACIÓN DAS LIÑAS DO SERGAS

Por iso, pais e nais tratan de coordinarse a través de grupos de Whatssap para saber que nenos ou nenas están contaxiados e evitar aumentar o número de infectados nas aulas. "Isto agora é un caos. Chamas ao centro de saúde e non collen. Chamas ao Sergas e números colapasados. Logo cando podes falar con eles, resulta que os rastrexadores andan afogados", comenta un pai consultado por GC.

De feito, hai familias con problemas de conciliación e mesmo pais e nais con problemas para tramitar baixas laborais ante a imposibilidade que desde o Sergas ou desde a Atención Primaria lle poidan dar solucións polo "colapso das liñas".

"OS PROTOCOLOS FUNCIONAN BEN"

"Os nenos non teñen vacinas e son o principal grupo de risco. Certo é que os síntomas son prácticamente nulos", apuntan fontes da consellería de Educación consultados por GC que defenden os protocolos postos en marcha porque "están funcionando ben", tanto no caso dos prventivos como na de xestión de casos.

"A pauta evolutiva é a mesma do ano pasado: forte incremento despois do Nadal e caída brusca a finais de xaneiro que é o que se prevé", indican as mesmas fontes que suliñan que, "agás os problemas de conciliación, as familias están tranquilas e confiadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta