Formoso reclama a Feijóo que "comece a planificar" a xestión sanitaria tras "anos de recortes"

Denuncia a "cicatería" do PP para "incorporar talento" ao Sergas tras renunciar a "contratar 150 especialistas" no últimos MIR.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mantivo este sábado un encontro con representantes de colectivos de sanitarios de Galicia, tras o cal pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "comece a planificar" no Servizo Galego de Saúde para reverter "anos de recortes".

Nunha rolda de prensa ofrecida desde a sede do partido no Pino, en Santiago de Compostela, Formoso apostou por sacar ao sistema sanitario da actual "situación excepcional", tendo en conta que a pandemia da covid-19 puxo en evidencia os "defectos" do Sergas tras eses "recortes" que criticou.

Por iso, reclamou á Xunta que tome medidas para aliviar os efectos da covid no Sergas, máis aló de "fiar todo á carta da atención telefónica". Neste contexto, criticou que o Goberno galego "segue sen cubrir" baixas do persoal e manteña unhas listas de espera "inasumibles" mesmo para recibir un diagnóstico en Atención Primaria.

Ante este panorama, o secretario xeral do PSdeG pediu melloras laborais para os profesionais, que durante a reunión cos colectivos --entre eles, os sindicatos CC.OO., UGT e Satse, ademais do Movemento Galego de Saúde, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Enfermeiras en Loita e o Colxio Oficial de Psicoloxía de Galicia-- trasladáronlle a súa "desmoralización", segundo asegurou Formoso na súa comparecencia.

O líder socialista aproveitou para referirse á intención do Sergas de implementar un sistema "de atención en grupo" na Atención Primaria que "deriva carga de traballo dos médicos a outras especialidades". Así, aínda que o secretario xeral do PSdeG dixo que non se nega a adoptar un "sistema innovador", si puxo o foco en que se debe facer "con persoais motivados" e con funcións que "sexan aceptadas" polo propio persoal.

TAXA DE REPOSICIÓN E CONVOCATORIAS MIR

Así mesmo, Formoso denunciou a "cicatería" dos gobernos do PP para "incorporar talento médico no sistema". Por unha banda, lamentou que o Executivo de Mariano Rajoy reducise "ao 10 por cento" a taxa de reposición, mentres que celebrou que o de Pedro Sánchez a aumentase "ata o 120 por cento". E é precisamente o actual Goberno o que lanzou "as dúas convocatorias máis grandes do MIR" no Estado, mentres que a Xunta "deixou de contratar 150 especialistas" nestes dous últimos procesos.

"Hai que, primeiro, saír desta situación excepcional conxuntural no sistema sanitario e facer unha reflexión máis profunda de acordo cos colectivos sanitarios e acordar a planificación do Sergas", resumiu o líder do PSdeG.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reúnese con colectivos de médicos.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reúnese con colectivos de médicos.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta