Case 14.000 profesionais do Sergas reciben en xaneiro as contías completas da carreira profesional

Case o 90% de profesionais en atención primaria teñen recoñecido algún grao de carreira.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2022 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

Un total de 13.561 profesionais do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas teñen un incremento retributivo vinculado ao recoñecemento dun novo grao de carreira profesional. Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, na actualidade perciben algún grao de carreira profesional 20.198 traballadores do Sergas e entidades adscritas ao departamento autonómico.

En atención primaria, preto do 90% de profesionais (88,37%) teñen recoñecido algún grao de carreira.

O pago en nómina do incremento vinculado ao complemento de carreira produciuse en dúas anualidades, distribuído nunha porcentaxe do 50% en 2021 e 50% en 2022, polo que o 100% das contías do novo grao abonaranse a partir deste ano. Isto suporá un incremento retributivo medio do 5,92%.

Dos 13.561 profesionais do SERGAS que teñen melloras retributivas asociadas a un novo grao de carreira profesional, 3.345 son licenciados sanitarios, persoal facultativo; 3.558 son diplomados sanitarios das categorías de enfermeira, matrona e fisioterapeuta, entre outras; 705 son técnicos de FP C1, técnicos especialistas sanitarios; 1.988 son técnicos de FP C2, técnicos auxiliares de coidados; e 3.965 persoal de xestión e servizos e técnico de FP C1.

Destes profesionais, o 2,12% accederon ao grao I, o 46,76% ao grao II, o 20,18% ao grao III e o 30,94% ao grao IV.

A Administración autonómica destacou tamén que o complemento de carreira profesional representa un importante incremento retributivo para todas as categorías profesionais, que se traduce nun importe anual de 3.216,48 euros para licenciados sanitarios, a maioría deles persoal facultativo; 2.010,24 euros para diplomados sanitarios nas categorías de enfermaría; 2.589,12 euros para Grupo A1 de xestión e servizos; 1.812 euros Grupo A2 de xestión e servizos; 1.168,56 euros para o grupo C1 de xestión e servizos e técnico de FP C1; 991,80 euros para o grupo C2 de xestión e servizos e técnico de FP C2 e 801,48 euros para o grupo AP de xestión e servizos.

As contías mensuais que perciben os profesionais por este complemento (por cada grao) son: 268,04 euros para os licenciados sanitarios; 167,52 euros para diplomados sanitarios; 215,76 euros para Grupo A1 de xestión e servizos; 151,00 euros Grupo A2 de xestión e servizos; 97,38 euros para o grupo C1 de xestión e servizos e técnicode FP C1; 82,65 euros para o grupo C2 de xestión e servizos e técnico de FP C2; 66,79 euros para o grupo AP de xestión e servizos.

Por último, o Sergas abriu, ata finais de mes, o prazo para solicitar o acceso aos graos I o IV de carreira profesional correspondente á convocatoria de 2021.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta