O PSdeG reclama á Xunta que clarifique "por que non executou" 70 millóns en axudas a pemes e autónomos

Son parte do fondo de 234 millóns de euros articulado polo Goberno estatal para aafectados pola crise da covid.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/01/2022 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A viceportavoz do PSdeG no Parlamento galego, Begoña Rodríguez, reclamou á Consellería de Emprego e Igualdade que clarifique "por que non executou" 70 millóns de euros procedentes da asignación a Galicia do fondo de 234 millóns de euros articulado polo Goberno estatal para apoios a pemes e autónomos afectados pola crise da covid.

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez
A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez | Fonte: PSdeG.

A nova viceportavoz dos socialistas na Cámara autonómica ofreceu este luns unha rolda de prensa no Pazo do Hórreo na que solicitou explicacións formais á Xunta por esta falta de execución que atribúe a "algunha ineficacia" na xestión.

Rodríguez acusou ao departamento que dirixe a conselleira María Jesús Lorenzana de non levar a cabo as xestións pertinentes para "transferir" estas partidas aos destinatarios deste fondo, orientado a paliar os efectos da "parálise" económica provocada pola crise da covid, especialmente en sectores como o turismo, a hostalaría, o comercio ou a cultura.

Segundo a deputada socialista, no mes de outubro restaban por executar "o 54% do total" dos 234 millóns de euros que, ata ese momento, recibira Galicia en virtude deste fondo.

"Queremos saber cales son as razóns polas que 70 millóns de euros poden estar en risco e non van chegar ás pemes e autónomos que os necesitan", remarcou a parlamentaria, que advertiu da importancia de que estas contías "non se perdan".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta