O exfuncionario condenado por 'enchufar' a unha cuñada de Silva pide o indulto e suspender a súa entrada en prisión

Foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por favorecer a contratación da familiar de Carmela Silva, a través de varios contratos menores, nunha empresa que prestaba servizos para o Concello

Por E.P. | Pontevedra | 01/02/2022 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O exfuncionario do Concello de Vigo condenado polo 'enchufe' dunha cuñada de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, nunha concesionaria municipal solicitou o indulto parcial tras ser condenado a 5 anos e 3 meses de cárcere polos delitos de prevaricación e malversación. Así mesmo, pediu a suspensión da execución de pénaa prisión en tanto non se resolva a solicitude do indulto.

Francisco Javier G.O. foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por favorecer a contratación da familiar de Silva, a través de varios contratos menores, nunha empresa que prestaba servizos para o Concello. O tribunal, que tamén condenou a un responsable da devandita empresa, considerou probado que a cuñada de Silva percibiu máis de 100.000 euros por uns traballos que non chegou a realizar.

O representante legal do condenado, que pediu a xubilación voluntaria tras a sentenza (xa declarada firme polo Tribunal Supremo) e trasladouse a vivir a Cantabria, expón para apoiar a súa petición de indulto que Francisco Javier G.O. é "un delincuente primario", que non ten antecedentes nin posibilidade de reincidir.

No escrito remitido ao Ministerio de Xustiza, faise un relato pormenorizado dos méritos que xustificarían a medida de graza. Así, lémbrase que o funcionario xubilado dedicou a "práctica totalidade" da súa vida a defender os dereitos dos traballadores, que é afiliado á UGT e ao PSOE, ou que se formou profesionalmente para progresar dentro da administración municipal, obtendo "con gran esforzo" o título de Graduado Social pola Universidade de Santiago.

Na mesma liña, utilízase como argumento en favor do indulto a súa idade (65 anos), o seu traslado a Cantabria, e o feito de que xa pagou ao Concello de Vigo os algo máis de 54.000 euros que debía abonar como indemnización en virtude da sentenza condenatoria.

Por outra banda, ademais da súa "traxectoria intachable", tamén se pon de manifesto que o exfuncionario "móstrase tremendamente arrepentido" e que "nunca se lucró persoalmente" polos feitos polos que foi xulgado e condenado. "O ingreso en prisión de Francisco non serviría en absoluto para a súa reinserción ou rehabilitación", sinala o escrito.

SUSPENSIÓN DA ENTRADA EN PRISIÓN

Así as cousas, e dado que a petición de indulto non se resolveu (foi remitida a mediados de decembro pasado), o seu representante solicitou á Audiencia Provincial de Pontevedra que suspenda a execución da pena de prisión.

Nese sentido, lembra que, se non se suspende a execución da pena, a petición do indulto quedaría sen efecto, o que conculcaría os dereitos do funcionario xubilado.

Acusados no xuízo por suposto 'enchufe' da cuñada de Carmela Silva
Acusados no xuízo por suposto 'enchufe' da cuñada de Carmela Silva | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta