O BNG ve "absolutamente ridículas" as multas de 25.000 euros a Iberdrola e Naturgy polo baleirado dos encoros

Noa Presas critica que a Xunta tardase "tres meses" en actuar e acusa o PP de "rebaixar" as multas da lei de pesca fluvial.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/02/2022 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Noa Presas tacha de "absolutamente ridículas" as multas de 25.000 euros impostas a Iberdrola e Naturgy polo baleirado dos encoros de Belesar, Cenza, Salas e As Portas o pasado verán.

A portavoz de Economía do BNG no Parlamento galego, Noa Presas
A portavoz de Economía do BNG no Parlamento galego, Noa Presas | Fonte: BNG.

Tras lembrar que Iberdrola obtivo beneficios por 2.400 millóns de euros no nove primeiros meses de 2021, considera que esta contía é "ridícula" porque "non vai facer que as eléctricas deixen de estar impunes e de facer o que lles pete" cos recursos naturais galegos.

Así reacciona o Bloque despois de que este martes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, confirmase a imposición de catro multas que suman 200.000 euros.

En concreto, son catro multas por 50.000 euros por cada encoro que deben pagar a partes iguais a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e as compañías concesionarias. Así, Iberdrola ten que abonar 50.000 euros por ser concesionaria das presas das Portas e Cenza --25.000 por cada unha--; e Naturgy outros 50.000 por xestionar as de Salas e Belesar.

Neste contexto, a deputada nacionalista considera "moi grave" o marco de "impunidade" para as empresas, á vez que lembra que a Xunta tardou "tres meses en actuar" e só se moveu "pola presión social e a desesperación" dos veciños.

Así, Presas lembra que mentres en xuño e xullo "había comunicacións" sobre o baleirado de encoros --aínda que a Xunta asevera que non se fixeron "formalmente"--, a Consellería "non se pronunciou publicamente sobre este tema ata o 21 de agosto".

Así mesmo, a deputada do BNG critica que o PP modificase a lei de pesca fluvial, que é a normativa empregada para impor as sancións, para "rebaixar as contías" das sancións. "Se non o fixese, estariamos a falar de 2,4 millóns de euros", reprocha.

"Esta situación o que demostra unha vez máis é a incompetencia da Xunta, a inacción do Estado e que esta situación continúa", resume Presas, quen advirte que os mencionados encoros "seguen baleiros" actualmente, cando se están producindo incendios e unha seca nas comarcas ourensás de Baixa Limia e Monterrei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta