Serafín González (SGHN): "Hoxe apenas hai 1/3 dos humidais que había a principios do século XX"

A presión que exercemos sobre estes espazos fai que sexan os ecosistemas que máis rapidamente se están a perder no mundo. Estes ecosistemas que tan rapidamente se están a perder proporcionan á Humanidade beneficios colectivos desproporcionados en relación á pequena superficie que ocupan. Falamos con Serafín González Prieto, biólogo investigador do CSIC, sobre a necesidade de conservarlos e restauralos. Tamén do decisivo e deficiente papel que xoga a Xunta na conservación e restauración das zonas húmidas do territorio galego.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 08/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estabilizadores climáticos, mitigadores de enchentes e secas, protectores da costa, fonte de augas limpas, sustentadores de biodiversidade e xeodiversidade... Os ríos e zonas húmidas foron hai xa tempo sinalados polos expertos como os maiores proveedores de servizos ecosistémicos pero iso non impediu que se continuaran a degradar. Os medios acuáticos son tamén os ecosistemas máis ameazados do mundo e ameazada queda polo tanto a saúde humana, tan intimamente ligada á nosa contorna natural.

Lagoa de Antela en imaxe de arquivo
Lagoa de Antela en imaxe de arquivo | Fonte: lagoadeantela.es

 

Os humidais estanse a perder a unha velocidade tres veces superior á velocidade de perda dos bosques, segundo datos ofrecidos por Ramsar co gallo da celebración do 'Día Mundial das Zonas Húmidas'. O día, que se celebra cada 2 de febreiro, conmemora o aniversario do tratado internacional do 1971 para a conservación, uso racional e restauración dos recursos dos humidais. Pero medio século despois a xestión destas áreas continúa a ser unha das grandes eivas na conservación da natureza.

 

Galicia conta con máis de 1.100 zonas húmidas inventariadas pola Xunta e só seis gozan de protección legal específica. Son as declaradas de importancia internacional e incluídas na Listaxe Ramsar (a última en integrarse foi o Parque Nacional das lllas Atlánticas). Pero máis aló das declaradas espállanse polo territorio galego gran diversidade de lagoas, brañas, bosques húmidos ou turbeiras... Outras fican xa na memoria, como as lagoas de Pantín ou de Corme, ou por suposto tamén a desecada e antiga Lagoa de Antela. No medio entre unhas e outras, distintas zonas húmidas de Galicia continúan a degradarse. Diso falamos con Serafín González Prieto, biólogo membro do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural:

Que valores ecosistémicos achegan as zonas húmidas á saúde do planeta? Cal é a importancia de conservalas?

Teñen un papel absolutamente decisivo nos ciclos da auga e do carbono. No ciclo da auga porque normalmente actúan como esponxas cando ven un enchente, e acumulan e depuran esa auga que logo van subministrando progresivamente. As zonas húmidas teñen unha importancia decisiva no subministro de auga de calidade a boa parte da Humanidade e a unha gran parte da biodiversidade mundial.

E dicíache tamén que teñen unha importancia enorme no ciclo do carbono. Por exemplo, as turbeiras son os ecosistemas que acumulan máis cantidade de carbono por unidade de superficie. Moito máis que os bosques. As turbeiras ocupan só o 3% da superficie da Terra pero acumulan o 30% de todo o carbono dos solos do mundo, teñen unha capacidade enorme. Entón, poden estar funcionando como sumidoiros de carbono, é dicir, como zonas onde se está fixando o exceso de CO2 que liberamos na atmósfera. Pero cando se degradan, poden converterse nunha fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro, sobre todo de metano e tamén oxidos de nitróxeno.

Así que dende un punto de vista egoísta, humano, teñen un papel clave no ciclo da auga e no ciclo do carbono. E logo tamén teñen unha importancia extraordinaria para a biodiversidade, incluíndo especies comerciais de pesca en moitas zonas, moi importantes para a alimentación da xente.

Os valores e servizos que proporcionan á Humanidade son desproporcionados en función da pequena superficie que ocupan. Só mirándoos dende un punto de vista egoísta, de Humanidade, os valores e os servizos que nos submistran son enormes, absolutamente desproporcionados respecto da súa superficie. Non hai nada que se poida facer nos humidais que nos poida proporcionar máis beneficios colectivos como Humanidade que conservalos.

A velocidade de perda dos humidais é tres veces maior que a perda de bosques. Son ecosistemas máis sensibles á actividade humana? Porqué acontece isto?

O motivo de que se estean a perder é que moitas veces son ecosistemas que se sitúan en zonas moi interesantes para a actividade humana, tanto en zonas de costa como de interior. Nas zonas de beiramar porque teñen unha alta concentración de poboación, industria e todo tipo de actividades... Son zonas onde se producen recheos e eses humidais vanse perdendo.  No interior moitas veces é por temas de agricultura, de posta en cultivo, porque son terras chairas que en principio teñen boa produtividade. E logo ese ritmo de destrución nalgunhas zonas tamén é porque se aproveitan as turbeiras para extraer turbas, sexa con fins para a xardinería ou a enerxía.

Hai diversas causas que se xuntan e provocan que sexan os ecosistemas que se están a perder máis rapidamente no mundo.

As ameazas que afectan á conservación das zonas húmidas en Galicia son as mesmas que afectan a outros territorios ou hai diferenzas? Estanse a degradar en Galicia dunha forma máis acusada ou é unha degradación uniforme?

Veñen sendo as mesmas causas e posiblemente na mesma proporción que no resto do mundo. Dende principios do século XX levanse perdidas as 2/3 partes dos humidais que existían. É dicir, hoxe apenas hai 1/3 dos humidais que había a principios do século XX. E en Galicia a situación é semellante. Podemos ter dende o caso de recheos para a industria, como no caso das Gándaras de Budiño, ata tesouramentos con fins agrícolas como na Antela ou Cospeito. Tamén está o caso do outro recheo que houbo para Ence en Marín. E tamén hai unha presión importante de urbanismo, por exemplo na contorna dalgunha lagoa como pode ser a de Valdoviño, que é humidal Ramsar.

Hai gran cantidade de avifauna ligada ás zonas húmidas, algunhas especies como a escribenta das canaveiras en estado crítico de conservación. Que medidas se están levando a cabo en Galicia para a súa protección?

Os humidais son zonas cunha biodiversidade moi importante, tamén para a avifauna, e hai efectivamente especies de aves moi ligadas a zonas húmidas que se atopan nunha situación delicada. Falando das Brañas de Laíño puidera ser a escribenta das canaveiras pero noutros lugares pode ser a conícora ou o mazarico real, que ten en Galicia a súa única zona de cría. Efectivamente hai varias especies ameazadas aí, pero o principal problema que teñen de conservación é que a Xunta non está a facer nada ou case nada por protexer os humidais. Dende as turbeiras do Xistral, que deixou que se foran estragando con parques eólicos, ata outros humidais que se seguen a degradar con recheos e unha mala xestión.

Ese é o problema, que en Galicia a conservación dos humidais e a recuperación dos degradados (que é outro dos fins da Convención de Ramsar, recuperar os humedais degradados) non se leva a cabo. E 51 anos despois de que se asinara a Convención de Ramsar, medio século despois, segue a ser unha das grandes eivas que ten a conservación da natureza en Galicia. Sen ir máis lonxe, incumprindo ou bordeando o incumprimento da lexislación, a superficie do humidal de Valdoviño foi reducida dun xeito bastante fraudulento por parte da Xunta de Galicia despois de ter sido declarado humidal Ramsar. Non se cumpriron as normas para facer esa redución de superficie, fíxose pola porta de atrás.

O último humidal declarado Ramsar en Galicia é o Parque Nacional das Illas Atánticas,  que é o único espazo no territorio galego que concentra ata seis figuras de protección. Pero mesmo ás veces trascenden eivas na súa conservación. Na práctica, serven para algo estas figuras de protección?

Non se lles saca nin de lonxe a utilidade que poderían ter, nin de lonxe. Agora ben, son unha ferramenta insubstituíble para frenar iniciativas de degradación. Por exemplo, que sexa un Parque Nacional ou un Parque Natural, CEPA, Rede Natura 2000, ou ZEC, é un argumento con moito peso para alegar contra proxectos lesivos. Dende parques eólicos ata centrais ou explotacións mineiras. Sen dúbida teñen unha utilidade porque ademais aí hai unha obriga legal que se pode recorrer aquí ou na Unión Europea, por incumprimento das súas directivas. 

A cuestión é que ese é o último recurso ao que hai que acudir normalmente. Porque máis aló das palabras, non hai un compromiso por parte da Xunta de Galicia para a súa conservación: para ampliar os espazos protexidos, para dotalos dun orzamento claro. E iso vai dende o Parque Nacional e os humidais ata calquera outro espazo protexido.

Galicia é unha das comunidades que menos zonas de protección ten declaradas. Cómpre declarar máis zonas?

Por suposto. Galicia é a comunidade autónoma que ten a menor porcentaxe de superficie en Rede Natura 2000. Por detrás de nós están Ceuta e Melilla, que son cidades autónomas que non se poden considerar autonomías. A porcentaxe máis ridícula témola nós, somos o faroliño vermello.

Sen ir máis lonxe, na presentación da 'Árbore Española do Ano' en Santiago, a conselleira de Medio Ambiente gabábase de que Galicia ten un 43% de superficie protexida. Iso é mentira. Nesa porcentaxe está incluída a superficie total das Reservas da Biosfera, que non son espazos protexidos, son outra figura diferente. Pero como figura de Rede Natura 2000 ou de parques naturais, as porcentaxes que ten Galicia son das menores de toda España. E iso vai en detrimento dos humidais e de moitos outros ecosistemas.

Levades moitos anos tratando de recuperar unha parte da desecada Lagoa de Antela, é realmente posible?

Nós levamos dende o ano 2011 traballando directamente sobre o terreo, con acordos de custodia, en diversos espazos que son zonas húmidas naturais e nalgún que é artificial. En natural temos un acordo de colaboración cun gandeiro en extensivo e estamos a recuperar un anaco de 20 hectáreas na antiga Lagoa de Antela. Nós estamos axudando a mellorar o hábitat como zona húmida pero tamén como zona de interese para o pastoreo dese gando extensivo de vacún. E estamos a demostrar que aí é posible e necesario conciliar a recuperación dos humidais cunha explotación agrícola ou gandeira razoable ou sustentable.

A lagoa permanente eran unhas 100 ou 200 hectáreas, e despois había unhas 2.000 hectáreas que eran lagoa ou pasteiro dependendo da época do ano. Nós con este acordo de colaboración temos recuperado o 1% desa zona que era lagoa en inverno e pasteiro no verán. É moi pouco de momento pero é moito máis do que tiñamos, e sobre todo é importante para nós porque demostra que é posible e necesaria unha recuperación parcial. Hai que buscar esa vontade de colaboración. Por iso, en colaboración con outros grupos de Valencia e Cádiz pedimos ao Ministerio que abordase a recuperación, aló menos parcial, das lagoas de La Janda e de Antela. 

Estamos a facer un traballo enorme tendo en conta os recursos económicos e humanos dispoñibles. Cun esforzo enorme estamos a facer un traballo eficaz e proveitoso, pero claro, vai ao ritmo dunha organización sen ánimo de lucro, con voluntarios e co que podes ir facendo.

Que foi da promesa do Goberno do Estado de recuperar unha parte da antiga lagoa, houbo algún contacto, interesouse?

Sabemos que houbo contactos coa Xunta, que é onde hai máis reticencias para calquera iniciativa de recuperación. Máis que no Ministerio, as reticencias están na propia Xunta.

Hai sitios nos que se podería ir actuando, porque ademais, os lugares máis fáciles de recuperar e de maior valor ambiental son os que se asolagan máis veces no inverno e polo tanto teñen menos interese agrícola. Así que con interese e con vontade poderíanse buscar eses acordos. Do mesmo xeito que nós estamos a levar a cabo esta iniciativa, de momento a pequena escala, con vontade poderíase facer a unha maior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta