A Xunta ábrese a seguir relaxando as restricións pero manterá o pasaporte covid

Rueda non descarta deixar caer a cuestionada medida pero avanza que non será a curto prazo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou este mércores por "rebaixar as restricións" fronte á covid progresivamente "en canto se poida" e se "os datos empezan a ser bos como son agora", á vez que defendeu a utilidade do pasaporte covid. "Sempre digo o mesmo, cando os datos non eran bos, non había máis remedio que pór restricións, ás veces endurecelas, e cando os datos empezan a ser bos, como son agora, e xa estamos a marcar unha tendencia, o que temos que facer é ir baixando esas restricións en canto se poida. Xa o fixemos hai algúns días, co cambio de horario e uso das barras", explicou Alfonso Rueda en Lugo.

A "idea" neste proceso, avanzou, á espera da reunión de expertos deste mércores, "é deixar pasar uns días máis para consolidar as melloras" realizadas recentemente en canto a esas limitacións. "Temos que tentar volver á nosa vida normal canto antes", dixo Rueda, que, sobre o uso de máscaras en exteriores, destacou que era necesario "cando a variante de Ómicron apuntaba ao que despois foi, cun número de contaxios elevadísimo". "Agora que parece que iso se está restrinxindo, o normal era tentar levantalo canto antes", apuntou.

Por iso, na liña do apuntado o martes polo presidente da Xunta, o vicepresidente asegurou que o Goberno galego vai seguir "insistindo" en que "se as condicións sanitarias melloran, as restricións hai que ir levantándoas sen ningunha dúbida". "Esa vai ser a tendencia, oxalá que a podamos manter, xa que, ademais, vai ser moi importante desde o punto de vista turístico", subliñou.

Rueda intervén ante os medios tras o Consello da Xunta.. XOÁN CRESPO
Rueda intervén ante os medios tras o Consello da Xunta.. XOÁN CRESPO | Fonte: XUNTA

PASAPORTE

En canto ao pasaporte covid, Rueda sinalou que esta "foi unha medida que tivo a súa utilidade no seu momento e a día de hoxe seguimos mantendo esa utilidade". "Hai que pedirlle ao Tribunal Superior de Xustiza cada vez que se toman medidas nese sentido, e o tribunal está a entender que as razóns para pedilo se manteñen, pero tamén, é certo, é que é unha medida que, en canto se poida, levantarase", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta