GC Aberto

Que significa educar para a cidadanía global en tempos incertos?

Por admin | GC ABERTO | 02/02/2022

Comparte esta noticia

Dende a perspectiva da cultura de paz, o ano 2022 comeza con luces e sombras. Por unha banda, semella que por fin, nun horizonte xa non tan distante, haberá tregua coa pandemia da COVID-19. Iso si, sempre que non baixemos a garda. Por outra banda, xorde unha nova ameaza de guerra entre a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e Rusia no teatro de Ucraína. Condenamos calquera agresión militar entre Estados e toda a carreira armamentística, na que o Estado español tamén participa, polo que demandamos unha gradual, progresiva e planificada con prazos curtos transformación da industria militar.

Un alumno de Educación Infantil e Primaria, no inicio do curso escolar 2021-2022
Un alumno de Educación Infantil e Primaria, no inicio do curso escolar 2021-2022 | Fonte: María José López - Europa Press - Arquivo.

Os conflitos internacionais precisan de resolución internacional, baixo o paraugas dunha ONU a transformar nunha grande plataforma de defensa dos dereitos humanos en calquera punto do planeta. Neste sentido, é tempo da diplomacia e non debe haber tempo desexable para a guerra no caso de Ucraína.

Pasado este 30 de xaneiro, Día Escolar da Nonviolencia e da Paz, o que queremos destacar dende o grupo de traballo Educadoras e Educadores pola Paz de Nova Escola Galega (NEG) é a necesidade de tentar comprender as raíces deste e de todo tipo de conflito para evitar caermos na trampa de aceptar de xeito acrítico certos encadramentos simplistas que achacan as causas a dinámicas unidimensionais como, por exemplo, os nacionalismos enfrontados (neste caso, o ucraíno e o ruso). Ao rascarmos a superficie dos conflitos internacionais, a miúdo atopamos que entran en xogo outras moitas causas, co acceso a recursos naturais combustíbeis (gas e petróleo) como unha das principais.

Para fomentar esa comprensión internacional e intercultural que tan decididamente foi impulsada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) despois da II Guerra Mundial, xorde unha renovada aposta por converter aquelo proxecto nunha proposta máis relevante para os nosos tempos: a educación para a cidadanía global[i]. Dende o punto de vista da filosofía política occidental, a cidadanía global enténdese como unha visión do mundo fundada na comprensión de que todos os seres vivos da Terra estamos fundamentalmente interconectados. Esta realidade debe ser comprendida non só interculturalmente —en termos de concibir a identidade, a cohesión social, as relacións sociais, as responsabilidades cara ao próximo e os dereitos humanos como factores superadores das fronteiras xeopolíticas, nacionais e etno-culturais— senón tamén en termos da sustentabilidade inter-especie e eco-sistémica, tal e como argumenta a filósofa política Martha C. Nussbaum cando se refire ao “cultivo da nosa humanidade”[ii]. Pashby afirma que a educación para a cidadanía global responde á necesidade de promover a interconexión e a responsabilidade mundial a través dunha educación para a cidadanía que transcenda os contextos locais e nacionais e que “anime aos estudantes a adoptar unha comprensión crítica da globalización, a reflexionar sobre como eles e as súas nacións están implicados en problemas locais e globais e a implicarse en perspectivas interculturais” (p. 10)[iii]. E segundo Jefferess, a cidadá ou cidadán global “é aquela ou aquel que non se identifica (só) coa súa comunidade local ou nacional senón tamén como integrante dunha comunidade global” (p. 27)[iv].

Algúns formadores/as na educación para a cidadanía global, como Swanson e Gamal ou Verma[v], argumentan que os Estados-nación (do tipo un Estado, unha nación) “están profundamente implicados en políticas excluíntes que esixen a asimilación e ademais prohiben directamente a práctica de tradicións e costumes que semellan ‘poñer en perigo’ as nocións mitificadas do que significa pertencer aos Estados-nación” (Verma, 2017, pp. 16–17). Dita observación é importante, máis non existe só ese tipo de Estados. As aspiracións nacionalistas poden proceder doutras perspectivas e experiencias históricas e actuais. Neste senso, o movemento en torno á cidadanía global terá que abordar os porqués de numerosos movementos independentistas e soberanistas. O propio movemento pacifista de Gandhi na India foi, de feito, nacionalista, á vez que soberanista, por aspirar á independencia do Imperio Británico[vi]. E para os pobos cuxas terras e sociedades foron no seu día invadidas, saqueadas, ocupadas, negadas ou incluso case exterminadas, o efecto acumulado desa profunda violencia consiste nunha longa memoria culturalmente situada que en verdade non se “esquece” co paso do tempo, senón que muda para acabar manifestándose doutras maneiras no futuro. Daí que o coñecido refrán “Desas chuvias, estes barros” non pode ser máis atinado.

Coa finalidade de respectar tanto o local como o global, Educadoras/es pola Paz organiza todos os anos un encontro galaico-portugués de convivio e fomento da cultura de paz. Este ano a situación actual da pandemia aconsella adiar a celebración do XXXIV Encontro até que as circunstancias o permitan, tal vez cara a finais do 2022 ou na primavera do 2023. Será un encontro de tres días en torno á memoria histórica situada en comunidades locais que viviron a Guerra Civil española desde a raia entre Galicia e Portugal. Pódese consultar a páxina web de NEG (tamén en Facebook) para máis información ao respecto, e animamos ao profesorado e aos educadores e educadoras a participar!

 

[i] Véxanse, por exemplo, Mesa, Manuela (2003): Educar para la ciudadnía y la democracia cosmopolita. En N. Zúñiga García-Falcés (Ed.), Educar para la ciudadanía y la participación: de lo local a lo global (pp. 5–23). Madrid: Centro de Investigación para la Paz (CIP/Fuhem). Morin, Edgar (2015): Penser global: L'humain et son univers. París: Robert Laffont. Paz Abril, Desiderio de (2007): Escuelas y educación para la ciudadanía global: una mirada transformadora. Madrid: Intermón Oxfam Ediciones.

 

[ii] Nussbaum, Martha Craven (1997). El cultivo de la humanidad: una defensa clásica de la reforma en la educación liberal. Barcelona: Paidós.

 

[iii] Pashby, Karen (2009). Questions for global citizenship education in the context of the “new imperialism”. En V. de O. Andreotti e L. M. T. M. de Souza (Eds.), Postcolonial perspectives on global citizenship education (pp. 9–26). Nova York: Routledge.

 

[iv] Jefferess, David (2009). Unsettling cosmopolitanism: global citizenship and the cultural politics of benevolence. En V. de O. Andreotti e L. M. T. M. de Souza (Eds.), Postcolonial perspectives on global citizenship education (pp. 27–46). Nova York: Routledge.

 

[v] Swanson, Dalene M. e Gamal, Mostafa (2021): Global citizenship education / learning for sustainability: tensions, ‘flaws’, and contradictions as critical moments of possibility and radical hope in educating for alternative futures. Globalisation, Societies and Education, 30 March, 456–469. Véxase tamén Verma, Rita (2017). Critical Peace Education and global citizenship: narratives from the uniofficial curriculum. Nova York: Routledge.

 

[vi] Hobsbawm, Eric J. (2009). Guerra y paz en el siglo XXI. Barcelona: Crítica / Biblioteca de Bolsillo.

 

Grupo de traballo Educadoras/es pola Paz

Nova Escola Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta