Pontón acusa ao Goberno de "apoiarse nos socios da dereita" para aprobar a reforma laboral

PSOE e Podemos recibiron o apoio de UPN e Ciudadanos. Néstor Rego votará en contra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou que os partidos do Goberno, PSOE e Podemos, "prefiran apoiarse en Cs e os socios da dereita" en lugar do "bloque da investidura" para a aprobación da reforma laboral, a debate este xoves no Congreso dos Deputados.

A líder da formación frontista, cuxo deputado na Cámara Baixa votará 'non' á proposta do Executivo pactada con patronal e os dous principais sindicatos do Estado (UGT e CCOO), considera que o feito "histórico" é que "se renuncie" por parte de PSOE e Podemos "a derrogar a reforma laboral do PP".

Nun acto sobre vivenda celebrado este xoves en Santiago de Compostela, a portavoz nacionalista cuestionouse "por que" os partidos do Goberno optasen por "apoiarse" en Ciudadanos "e os socios da dereita" cando, segundo Pontón, existía "unha maioría" parlamentaria para "derrogar esa reforma e recuperar os dereitos roubados á cidadanía".

Neste sentido, a líder nacionalista cre que o Goberno debería contar co "bloque" que permitiu a investidura de Pedro Sánchez a comezos do ano 2020 para derrogar a reforma do PP. "Permitiría non só cumprir cun compromiso adquirido coa cidadanía e cun obxectivo básico para que os traballadores teñan salvagardados os seus dereitos e oportunidades nun mercado no que é evidente que teñen moitos problemas", aseverou

A líder do BNG, Ana Pontón. BNG
A líder do BNG, Ana Pontón. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta