Por E.P. | OURENSE | 03/02/2022 | Actualizada ás 20:59
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, viaxará a próxima semana a Bruxelas para reivindicar "unha repartición xusta e transparente" dos fondos europeos de reconstrución por parte do Goberno de España, que debe distribuír 140.000 millóns de euros --70.000 en axudas directas-- entre os anos 2021 e 2026.
"Existe unha profunda preocupación nos gobernos locais ourensáns polos procedementos, pola xestión e polo destino destes fondos. Isto é algo obvio, que observo como presidente de Partenalia -a asociación europea de gobernos provinciais- e como presidente da Deputación de Ourense", esgrimiu.
Segundo informa a Deputación, Manuel Baltar estará acompañado nesta viaxe a Bruxelas por un importante grupo de representantes institucionais de toda España, como o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida; o rexedor de Córdoba, José María Bellido ou o de Zaragoza, Jorge Azcón.
Ante as máis altas institucións comunitarias, pedirá que o Goberno central modifique "o seu comportamento actual". "Queremos información e ver cal é o procedemento idóneo para a distribución dos fondos. Queremos falar de prazos e de proxectos. En definitiva, pór en maiúsculas o que ata de agora está en letra pequena ou só é un titular de prensa e puro 'buenismo", demandou.
Reivindicará tamén na capital comunitaria o traballo que está a realizar a Deputación neste campo. Non en balde, lembrou, por exemplo, que o seu é "o primeiro goberno provincial" de España que presentou "unha estratexia de captación de fondos comunitarios, non só para os Next Generation senón tamén para o marco financeiro plurianual".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.