Tellado (PPdeG) pregúntase "se non estaba pactado xa" o indulto do 'caso cuñada' para "encubrir" a Carmela Silva

Pregunta a Formoso se "está de acordo" coa petición de indulto e esixe "explicacións" ao BNG por "soster" á presidenta provincial.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/02/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pregúntase "se non estaba pactado xa" que o funcionario do Concello de Vigo condenado polo 'caso cuñada' pedise un indulto parcial, cun escrito no que lembra a súa afiliación ao PSOE e a UGT, para "encubrir" á presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde da cidade, Carmela Silva.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: PPdeG.

En concreto, o exfuncionario municipal foi condenado --nunha sentenza que ratificou posteriormente o Tribunal Supremo-- a cinco anos e tres meses de prisión polos delitos de prevaricación, malversación e falsidade, ao considerar probado que facilitou a contratación dunha cuñada de Silva nunha concesionaria que prestaba servizos ao Consistorio.

Neste contexto, o secretario xeral do PPdeG sinalou que "o máis curioso son as razóns para xustificar o seu indulto", que son "a súa militancia no Partido Socialista e a súa afiliación a UGT". "Vaia desvergoña", engadiu.

Para Tellado, a "lóxica que está detrás" da petición de indulto "é tremendamente clara": "O funcionario do Concello de Vigo pide ao PSOE que o indulte por ser militante do PSOE e de UGT durante 40 anos. (...) Pide ao PSOE que o indulte por organizar as campañas electorais de Abel Caballero durante todos estes anos". En definitiva, pide ao PSOE "que o indulte por non delatar a Carmela Silva durante o xuízo" e "porque el só cumpría ordes, é así de sinxelo".

Por iso, no PP pregúntanse "se non estaba pactada xa" esta petición de indulto e queren saber "cal foi o prezo" que pediu o condenado "para non delatar á súa xefa e principal instigadora da contratación irregular".

"LEI DO SILENCIO" NO PSDEG

En calquera caso, o secretario xeral do PPdeG lamenta que no PSdeG, na Deputación e no Concello de Vigo "o que impera é unha mafiosa lei do silencio", xa que "gardan silencio" non só Silva, Caballero e Formoso, senón tamén "tanto os cargos autonómicos como nacionais" do Partido Socialista.

De todo iso serviuse Tellado para arremeter contra o novo líder do PSdeG, que "premiou" a Silva cando a designou presidenta do partido.

"Se esta petición de indulto é aprobada polos socialistas, o balance do maior caso de corrupción en Galicia da última década será a impunidade. O autor material, libre e na rúa; a autora intelectual, a señora Carmela Silva, a 'cuñada de España', a presidenta do PSdeG libre e na rúa; e a súa cuñada embolsándose máis de 100.000 euros sen ir traballar", resumiu, para seguidamente cuestionarse: "É este o PSdeG-PSOE que quere Valentín González Formoso?".

PIDE "EXPLICACIÓNS" AO BNG

O PPdeG, que "non vai permitir que se saian coa súa", esixe "explicacións inmediatas" tanto aos socialistas como ao BNG, porque tamén forma parte da coalición de goberno na Deputación de Pontevedra.

Neste sentido, Tellado criticou que os nacionalistas pretendan "soster a Carmela Silva" como presidenta provincial "sen importarlles máis nada que manter as súas carguitos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta