Adega pide ao Goberno central que desbote a instalación dun parque eólico mariño na costa ártabra

5 meses despois de paralizar a admisión de novos parques eólicos mariños, admitiron a trámite o parque mariño "Nordés".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/02/2022 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O Ministerio, en xuño de 2021, acordou paralizar a admisión de novos parques eólicos mariños mentras non se aprobara un marco normativo propio para o sector. Porén en novembro do pasado ano admitiu a trámite o parque eólico mariño "Nordés" de 1,2 GW con 80 aeroxeradores de 15 MW cada un fronte á costa ártabra.

Arquivo - Parque eólico mariño de Iberdrola. IBERDROLA - Arquivo
Arquivo - Parque eólico mariño de Iberdrola. IBERDROLA - Arquivo

"O desenvolvemento da enerxía eólica mariña no Estado español carece dunha planificación propia", denuncia ADEGA. Así, lembra que tan só o RD 1028/2007 establece os requisitos administrativos, mais non existe unha regulamentación sectorial propia que estableza as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, ou os criterios de exclusión, entre outros condicionantes.

Ademais, aclara que, unicamente no POEM (Plano de Ordenamento do Espazo marítimo), aínda en tramitación, hai referenzas entre moitas outras actividades, ao desenvolvemento da eólica mariña nos mares do Estado.

ADEGA lembra que ten reclamado ao Ministerio que, cando menos, a xeración de enerxías renovábeis no mar conte cunha planificación e desenvolvemento normativo axeitado, como establece a "Folla de Ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España" aprobada o pasado 10 de decembro.

MORATORIA

En resposta ao expresado por numerosas organizacións na fase de consulta pública da "Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España" e ante a ameaza dunha avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvemento racional do sector, aínda sen planificación, o Ministerio decretou unha "moratoria" a través dunha norma sobre a fiscalidade enerxética e da auga. Foi no Real Decreto-ley 12/2021, do 24 de xuño.

5 meses despois de que entrara en vigor a "moratoria", foi admitida a trámite o parque eólico mariño "Nordés". "Aínda que o texto da disposición adicional terceira pola que se establecía dita moratoria foi modificada posteriormente para incluir excepcións, o parque "Nordés" non cumpre os requisitos xa que non conta con autorización previa", denuncia a asociación.

ADEGA esixe á administración do Estado que desbote tramitar esta e outras instalacións eólicas no mar de Galicia, en cumprimento das súas propias normas, até que non se aprobe un marco normativo específico para o sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta