Feijóo defende manter as máscaras nos recreos e dubida da "legalidade" do anuncio do Goberno

Apunta que "choca" co protocolo educativo e avoga por que, en Galicia, a máscara siga sendo obrigatoria mentres as crianzas non conten con dúas doses da vacina.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, móstrase partidario de que os nenos manteñan as máscaras nos recreos e patios de colexios mentres non teñan dobre dose de vacinación contra a covid, á vez que ve "dúbidas" sobre a legalidade da decisión do Goberno ao entrar en "contradición" co protocolo educativo. De tal modo, consultará co comité clínico galego o que se debe facer se o Executivo central non o "clarifica".

A preguntas dos medios tras un acto en Santiago, Núñez Feijóo critica que a decisión do Goberno de retirar máscaras ao aire libre en colexios --sempre que se poida respectar a distancia de seguridade e non haxa aglomeracións-- "choca co protocolo educativo que esixe máscara nos recreos". Aínda que lle parece "correcto" relaxar o uso de máscaras en exteriores, afea que "a interpretación que fai o Goberno da súa propia normativa contradí ao protocolo educativo, que aproba o Goberno, de obrigado cumprimento para o conxunto do sistema educativo español".

Por iso, pregúntase "se a normativa do Goberno vén derrogar de forma explícita o protocolo que esixe máscara nos colexios cando non se pode manter a distancia de metro e medio". "Parece ser que a ministra de Educación, polas declaracións que escoitei, entende que iso está derrogado, pero desde logo o sistema educativo non concretou un novo protocolo", razoa.

Núñez Feijóo reclama que se aclare que facer ante unha situación de "certa opacidade" e "de bastante improvisación". Así, pedirase "información e proposta" ao comité clínico se o Goberno "non clarifica" as preguntas da Xunta e "vai seguir, dalgunha forma, delegando as decisións nas comunidades autónomas porque non quere tomar decisión nin sequera no ámbito das súas competencias". "Perdemos unha ocasión de ter unha lei clara que diga: queda derrogado o protocolo do sistema educativo ou non", quéixase. "Non o sabemos", incide.

CONSULTA AO COMITÉ CLÍNICO

Deste xeito, Feijóo indica que se vai "expor no caso de que sexa legal a non esixencia de máscara nos colexios, cousa que temos dúbidas, se o comité clínico considera recomendable nos recreos, con espazos limitados, onde non se poida manter a distancia de metro e medio entre os alumnos, proseguir coas máscaras polo menos ata que os alumnos de 5 a 12 anos teñan a dobre dose de vacina".

Remarca que o que "interesa" é "a saúde dos nenos" e que se acaba de comezar a pór a segunda dose de vacinación a menores de 12 anos. "Á entrada dun colexio, onde entran 100 rapaces á vez, nun recreo con espazos limitados, onde estean a xogar 100 ou máis rapaces á vez e non se poida manter a distancia de seguridade, a eses nenos que non están vacinados sacámoslles a máscara por imperativo legal?", cuestiona. "Imos ver o que di o comité clínico galego", di, e así se trasladará á comunidade educativa e pais.

Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta