Unha investigación revela que a orixe das notarías está na Ribadavia do século XIII

Un traballo da Universidade de Oviedo explora as raíces da praxe notarial mediante a análise dos traballos dos escribanos do Concello de Ribadavia.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 14/02/2022 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A orixe das actuais notarías do Estado está no Reino de Galicia e, máis concretamente, na Ribadavia do século XIII, durante o reinado de Alfonso X. Así o vén de aclarar unha investigación da Universidade de Oviedo publicada no 'Journal of Medieval Iberian Studies' e realizada por Manuel Calleja-Puerta no 2021, levada a cabo co gallo do octavo centenario do legado do rei "Sabio".

Ilustración de Alfonso X O Sabio. RAG
Ilustración de Alfonso X O Sabio. RAG

Desta forma, o estudo explora as raíces da praxe notarial mediante a análise dos traballos dos escribanos do Concello de Ribadavia e detecta un "progresivo perfeccionamento técnico" na redacción de documentos como unha das experiencias que conducen cara a implantación do notariado público. Cómpre destacar que unha parte importante da documentación conservada refírese a contratos de plantación de viñedo e "como correlato, las referencias al vino de Ribadavia aparecen ya pronto en noticias de tierras más lejanas". 

Segundo destaca a investigación, a implantación do notariado público estendeuse polas cidades e vilas do reino e a súa actuación como notarios convertiunos ademais en testemuñas e narradores da vida cotiá, polo que os documentos producidos constitúen "unha das fontes fundamentais para a historia das sociedades do pasado" en palabras do autor do traballo.

O estudo revela que a crecente cultura xurídica da zona (nun ámbito urbano en crecemento como o de Ribadavia) se expresa nalgunhas oficinas episcopais tanto na existencia de autores e manuscritos xurídicos como no emprego de rexistros, e que a isto se une ademais que os mosteiros afinan a xestión dos seus dominios.

Así, indican, ao longo da primeira metade do século, as subscricións dos escribáns evidencian a "definición progresiva de oficiais de escritura aparentemente laicos e vinculados ao concello que traballaban para a comunidade con carácter público". E xa no segundo cuarto de século, "a certeza de que empregan notas que se transmiten aos seus sucesores no oficio permite observar como a escrituración dos documentos se converte nunha actividade cada vez máis pautada e regulada".

En declaracións á Universidade de Oviedo, o autor do traballo, Manuel Calleja- Puerta, salientaba que "as conexións dalgunhas institucións galegas cos centros de creación do Dereito da súa época parecen contribuír de forma decisiva á conformación dunha praxe documental que articula a memoria das sociedades europeas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta