A alcaldesa da Coruña pide á Xunta deixar as "excusas" para licitar a estación de autobuses

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remarcou que "a lei financeira é para todos" e o Goberno autonómico non pode levar a cabo esa licitación ata que o concello presente un "certificado de crédito adecuado e suficiente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2022 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A licitación da intermodal causou un novo desacordo, esta vez, entre a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que insistiu este venres en que fai oito anos que a Xunta de Galicia tiña que licitar a estación de autobuses e que "pode e debe" facelo, fronte á Xunta, que afirma que non.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remarcou que "a lei financeira é para todos" e o Goberno autonómico non pode levar a cabo esa licitación ata que o concello presente un "certificado de crédito adecuado e suficiente", asegurou.

Vázquez explicou que o proxecto da nova terminal de autobuses está aprobado e supera os 30 millóns de euros. Existe un compromiso de acordo de cofinanciamento entre o concello da Coruña, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e a Xunta e as tres partes deben ter a súa partida orzamentaria correspondente.

"Igual que ADIF acreditou o seu certificado de crédito, débeo de remitir o concello da Coruña porque na Xunta de Galicia non deixamos a deber", sentenciou a conselleira. Inés Rey, pola súa banda, esixe á Xunta de Galicia que "deixe de pór trabas, escusas e de contar mentiras" e que licite a estación intermodal que lle corresponde e inicie inmediatamente as obras.

"O goberno local fixo o que tiña que facer, desbloqueou esta infraestrutura tan necesaria traballando man a man con todas as administracións e este convenio vai ser asinado", explicou, e que por tanto "a licitación vai saír adiante".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey | Fonte: ANDY PEREZ - Concello da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta