Comesaña adianta cambios nos protocolos dos hospitais, "sobre todo no ámbito non-covid"

Serán anunciados "proximamente", incidiu nunha entrevista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2022 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que, tras tratar o comité clínico o protocolo de acceso a familiares en hospitais e consultas, que haberá "cambios" anunciados "proximamente", pero "máis no ámbito non covid". Así o confirmou o responsable autonómico de Sanidade nunha entrevista concedida a Radio Nacional Galicia e recollida por Europa Press, onde asegurou que "se revisa para que unha persoa poida acudir con acompañante a unha consulta ou nun hospital", aínda que insistiu en que se estuda "máis no ámbito non covid".

Con todo, lembrou que nos casos de "enfermos covid próximos ao falecemento, déixase pasar a familiares", aínda que con medidas estritas: un número reducido, con medidas de seguridade e previo traslado do paciente a unha habitación simple. Estes avances no protocolo de acceso de familiares seguen a liña defendida polo Goberno autonómico de "convivir co virus", "adaptarse" á pandemia pero "tendo en conta que non acabou".

"Máis que dar por finalizada a pandemia, hai que adaptarse e convivir con ela. Con máis de 600 pacientes ingresados e con falecementos diarios, falar de que xa pasou a pandemia non é adecuado", defendeu Comesaña. Respecto da pandemia, o conselleiro non se atreve a porlle data á eliminación da máscara en interiores, aínda que prevé que "será o último en darse".

Avoga ademais por "manter as precaucións" e reivindica, como noutras ocasións, a corentena de cinco días para asintomáticos e a utilidade do certificado covid para impulsar a vacinación, á vez que defende a xestión da pandemia realizada pola Administración autonómica, "que rexistra todos os casos, tamén os do test". "É fundamental saber o que temos", comentou.

FALECIDOS "CON COVID OU POR COVID"

En canto aos falecementos, diferenciou entre aqueles que "morren por covid ou con covid", igual que os ingresados. Aínda que no que respecta aos hospitalizados a Consellería si conta con datos --os pacientes con covid roldan o 40%--, non é así "aínda" cos óbitos. Comesaña avanza que traballan nisto, aínda que estiman que roldarán esa cifra. A pandemia, apuntou, serviu para "pór en valor, máis se cabe, o sistema sanitario galego, que mostrou unha fortaleza á altura do esperado".

Sobre a saturación do sistema e a falta de profesionais, o conselleiro insistiu en que traballan para solucionar a situación, que non é fácil "dado que o requirimento para a pública é moi alto". É por iso que se opta, polo momento, pola contratación de persoal xubilado, entre outras medidas, "como complemento e non como parche", para "descargar ao médico do centro de saúde de tarefas que, aínda que cun compoñente sanitario, son administrativas".

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en rolda de prensa este mércores 26 de xaneiro. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en rolda de prensa este mércores 26 de xaneiro. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta